[06-06-2013] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames vén de darlle luz verde á adxudicación por 108.827 euros dos traballos que permitirán acondicionar a biblioteca municipal do Milladoiro e das obras para substituír o colector xeral de saneamento na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, estas últimas por un importe de 119.995 euros. Ademais, aprobouse a adxudicación por máis de 29.494 euros de 32 ordenadores para oficinas municipais.
As obras de acondicionamento e ampliación da Biblioteca do Milladoiro, que serán realizadas pola firma Joscón Construciones, supoñen cumprir o compromiso do Goberno municipal de dotar ao Milladoiro dunha biblioteca apta para o estudo e a lectura e en mellores condicións que a actual. Os traballos permitirán ampliar a zona de estudo, que actualmente resulta insuficiente para atender a demanda da crecente poboación, na súa grande maioría moza, tanto en idade escolar como universitaria.
Os traballos consistirán no acondicionamento dun local lindante coa actual biblioteca, que pasaría a integrarse como unha nova sala de estudo. Segundo o proxecto das obras, contémplase a creación dunha ampla zona de lectura, área de servizos hixiénicos, cuarto de limpeza e almacén. Ademais, inclúese a comunicación coa biblioteca existente. Esta mellora únese á ampliación do horario de apertura das bibliotecas municipais, establecendo un horario ininterrompido de 08:30 a 21:00 horas de luns a venres e os sábados de 09:00 a 14:00 horas. Esta ampliación, que se está aplicando de xeito experimental nos meses de maio e xuño para avaliar a súa efectividade, permite reforzar o servizo que ofrecen as bibliotecas municipais de Bertamiráns e Milladoiro especialmente na época de exames, o que permite dispoñer da zona de estudos durante un horario máis amplo.
O acondicionamento da Biblioteca do Milladoiro está incluído nun convenio asinado polo Concello de Ames coa Deputación da Coruña, que permite a posta en marcha de diferentes obras que teñen que ver coa mellora de estradas, canalización de pluviais e seguridade viaria en varios puntos do Concello.
Saneamento en Bertamiráns
As obras de substitución do colector de saneamento na rúa Alcalde Lorenzo, que levará a cabo a empresa Espina&Delfin, están incluídas no Plan de Obras e Servizos 2012 da Deputación da Coruña. O colector será reposto en 400 metros que comprenden as rúas Alcalde Lorenzo, Avenida da Maía e o enlace das mesmas.
O proxecto destes traballos recolle o conxunto de actuacións necesarias para levar a cabo a substitución das tuberías de formigón, que compoñen parte da rede de saneamento do núcleo urbano de Bertamiráns. Os traballos que se realizarán inclúen o levantamento das beirarrúas e viarios afectados para introducir a canalización. Ademais, procederase á substitución de canalizacións e pozos, un paso que inclúe a escavación en gabia, a colocación das tuberías e o tapado das mesmas con capas de area e material axeitado, así como a execución dos novos pozos de rexistro. Por último, acometerase a reposición de pavimentos e de beirarrúas afectadas. As canalizacións afectadas están situadas baixo a rúa Alcalde Lorenzo e a Avenida da Maía.
Estes traballos supoñen unha importante actuación para o núcleo de Bertamiráns, debido ao estado no que se atopa este colector, sobre o que se debía actuar hai anos. De feito, o proxecto orixinal tivo que ser modificado, xa que en xaneiro de 2012 o Concello de Ames tivo que realizar unha obra con carácter de urxencia nesta rúa e que supuxo a reposición de 30 metros do colector que leva as augas residuais á EDAR de Sisalde. Nese momento, o estado do colector facía que non fose capaz de recoller toda a auga, producíndose filtracións que deixaron ocos baixo a beirarrúa provocando perigo de derrubamento.





