Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba a adxudicación do proxecto de renovación do terreo de xogo do campo municipal de fútbol de Bertamiráns

Venres, 05 de xuño de 2020

Este venres, 5 de xuño, retomáronse as sesións de Xuntas de Goberno Local trala aprobación o día 1 de xuño dun decreto por parte de Alcaldía no que se deixaba sen efecto a avocación, durante a duración do estado de alarma, da totalidade das competencias delegadas pola Alcaldía na Xunta de Goberno Local. Nesta sesión aprobouse a acta da sesión do 13 de marzo, diversos expedientes urbanísticos, un expediente de contratación relativo á adxudicación do proxecto de renovación do terreo de xogo do campo municipal de fútbol de Bertamiráns, e maila aprobación do prezo público dos campamentos urbanos de natureza do Concello de Ames.

Esta mañá retomáronse as sesións das Xuntas de Goberno Local cun importante acordo. Deste xeito, aprobouse á adxudicación do proxecto de renovación do terreo de xogo do campo municipal de fútbol de Bertamiráns. Este proxecto foi adxudicado á empresa Prace Servicios Y Obras S.A. por un importe de 312.067 euros. Trátase dun proxecto moi necesario xa que o campo de fútbol de Bertamiráns acolle ao longo do ano adestramentos e partidos oficiais de varios equipos locais. Despois de máis dunha década de uso presenta un estado deficiente debido ao desgaste da fibra do terreo de xogo.

Debido a iso o goberno municipal fixo as xestións necesarias coa Deputación da Coruña  para cofinanciar este proxecto. O 9 de outubro de 2019 asinouse o convenio por parte do alcalde de Ames, José Miñones, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. A través de dito acordo o organismo provincial e mailo Concello financiarán as obras de retirada do firme actual mediante un sistema sostible, que permita a súa reciclaxe ou reutilización e a instalación dun novo céspede de herba artificial de última xeración, que garante unha excelente función deportiva e técnica e que se instalará sobre unha superficie regular e previamente compactada.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, indica que “é unha obra moi necesaria, xa que este campo de fútbol municipal emprégano os nenos e nenas das Escolas deportivas municipais. Ademais, ao longo da semana, son moitos os rapaces e rapazas de distintas idades os que adestran nel, e durante a fin de semana é empregado para disputar numerosos partidos de diferentes clubs, polo que calquera mellora que se execute nel é sempre benvida”.

A Deputación financiará o 80% do proxecto, mentres o Concello de Ames achegará o 20% restante. O campo habilitarase para a práctica de fútbol 8 e fútbol 11, segundo os criterios regulamentarios da RFEF, e dotarase de novas porterías, redes e outro equipamento para a práctica do fútbol. Acometerase tamén a renovación do metacrilato dos bancos, dado o seu mal estado. As obras inclúen tamén unha mellora na grada existente, onde se instalarán asentos plásticos, de fácil mantemento e limpeza, para facilitar unha maior comodidade dos espectadores que a asisten aos partidos.

Imaxe do campo de fútbol municipal de Bertamiráns