Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba a adxudicación de obras no Milladoiro e Bertamiráns

Xoves, 11 de agosto de 2016

[11-08-2016] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación de varias obras que se executarán nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. Un dos proxectos adxudicados é a construción dun viario que conecte o polígono Novo Milladoiro, dende a avenida do Muíño Vello, situada na parte oeste do Milladoiro, coa estrada de Ventín. A construción deste viario tamén servirá como vía de acceso á parte traseira do IES do Milladoiro. Ademais, adxudicáronse os traballos de reposición da sinalización horizontal nos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro.

Coas obras de construción dun viario dende a avenida Muíño Vello ata a estrada de Ventín vaise crear unha nova saída dende o polígono Novo Milladoiro. Desta forma a parte oeste do núcleo urbano do Milladoiro estará conectada directamente co polígono do Milladoiro, alixeirando o tráfico que cruza cada día a avenida de Rosalía de Castro, eixe central do Milladoiro. As obras inclúen o acondicionamento da explanación e o posterior afirmado dun tramo de 240 metros, a execución de gabias para a recollida da auga pluvial e a colocación de sinalización viaria.

Ademais, cómpre salientar que a construción deste viario servirá como vía de acceso á parte traseira do IES do Milladoiro. Trátase dunha obra que leva reclamando dende hai tempo a comunidade educativa deste centro. Estas obras foron adxudicadas á empresa Martínez Montes e Hijos SL por un importe de 86.057 euros (IVE incluído). Este proxecto está incluído no plan provincial PAS-Convenios 2015.

Reposición da sinalización horizontal e repintado das prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida Por outra banda, adxudicáronse á empresa Construcciones D. Ogando SL os traballos de reposición da sinalización horizontal nos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro. Este proxecto ten un custo de 84.470 euros. A través desta actuación vaise a facer unha reposición completa da sinalización horizontal correspondente aos pasos de peóns, vaos, zonas de carga e descarga, aparcamentos para discapacitados e liñas centrais e de borde de carrís dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro co obxectivo de mellorar a súa percepción e adaptarse á normativa vixente. Este proxecto está incluído dentro do POS provincial de 2015. A maiores disto procederase ás obras de pintado e sinalización de 35 prazas de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, adaptándoas deste xeito á normativa actual.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Ames mejorará la señalización y hará un vial para unir el polígono, Ventín y el IES"