[21-07-2016] O Concello de Ames vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a adxudicación de dous proxectos de obras, incluídos no plan adicional DTC 93, que recollen melloras en dous camiños situados nos lugares de Insua (Agrón) e Frenza (Tapia). Nestes traballos vanse investir un total de 21.879,23 euros, IVE incluído. Os traballos, que foron adxudicados á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones SA, estarán dirixidos, sobre todo, a acondicionar a capa de rodaxe dos camiños e en colocar a correspondente sinalización horizontal. A finalidade é mellorar a seguridade viaria, tanto de peóns coma de vehículos.
A Xunta de Goberno Local vén de darlle luz verde a adxudicación dun dos proxectos incluídos dentro do plan provincial DTC 93 adicional. Concretamente, acabase de aprobar a contratación do proxecto de “reparación interior en Insua (Agrón) e outros”. A través destas obras realizaranse melloras en dous camiños situados nos lugares de Insua (Agrón) e Frenza (Tapia). Estas obras terán un custo de 21.879,23 euros.
Na obra de reparacións interiores en Insua actuarase nunha zona que se dividirá en tres treitos diferentes de 670x4; 135x3 e 200x3,50 metros, así como en 150 metros cadrados de sobreanchos. A través desta actuación mellorarase a capa de rodaxe cun tratamento asfáltico superficial e cun rego de selado. Previamente, haberá que reparar as fochancas existentes e perfilar as mordentes con grava e cun tratamento asfáltico semiprofundo. Finalmente, contémplase a apertura de gabias e maila limpeza de salvagabias para que se produza un correcto drenaxe lonxitudinal e transversal.
Por outra banda, vaise a executar outra obra de reparación no camiño que vai dende o lugar de Frenza ata a capela da Madalena. Nesta caso vaise a executar nunha zona que está dividida en dous treitos de 960x3 e 50x12 metros, así como en 125 metros cadrados de sobreanchos. A través destes traballos vaise a mellorar a capa de rodaxe deste camiño cun tratamento asfáltico superficial e cun rego de selado. Como no caso anterior, previamente haberá que reparar as fochancas e perfilar as mordentes con grava e cun tratamento asfáltico semiprofundo.
Finalmente na actuación de Frenza, contémplase a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias, así como o emprego de pedra en rama nas zonas que sexa necesario para que haxa un correcto drenaxe lonxitudinal e transversal.
Outros asuntos aprobados
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a primeira prórroga, por un ano de duración, do contrato de servizos de asesoramento e mediación de seguros do Concello de Ames, que se formalizou en agosto de 2013 coa empresa B.V.C. ARTAI, Correduría de Seguros S.A. Por último, concedeuse unha licenza de división de solo rústico na parroquia de Biduído; e unha licenza de segregación dun grupo de fincas situadas na rúa Seixabre e na avenida da Peregrina (Bertamiráns) co obxectivo de agrupar ditas parcelas.
Contido relacionado

El Correo Gallego:"Aprobadas as obras de mellora de dous camiños de Agrón e Tapia"
La Voz de Galicia:"Ames reparará los caminos de Agrón y Tapia"




