[07-10-2016] O goberno municipal vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a adxudicación de dous proxectos que recollen obras de mellora de varios camiños do rural amesán. Así, a través do PAI 2015, vaise a reparar o camiño interior da aldea de Castelo, e mediante o DTC 93 adicional, executarase o proxecto de reparación de camiño de Capeáns ao camiño de Covas e outros, que inclúe cinco obras en distintas vías e camiños das parroquias de Covas, Biduído, Ortoño e Bugallido. Estes dous proxectos foron adxudicados á empresa Construcciones Ponciano Nieto SL por un importe de 27.646,42 e 23.825,32 euros, respectivamente.
En primeiro lugar a Xunta de Goberno Local adxudicou á empresa Construcciones Ponciano Nieto SL o proxecto de reparación do camiño interior do lugar de Castelo, pertencente á parroquia de Ames. Este proxecto foi adxudicado por un importe de 27.646,42 euros. As obras realizaranse en cinco treitos. Primeiro haberá que reparar as fochancas e perfilar as mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Nos tres primeiros tramos preténdese repoñer o firme da calzada con quince centímetros de formigón e nos dous últimos repararase o firme cun tratamento asfáltico superficial e cun rego de selado en toda a plataforma.
Por outra banda, adxudicouse á mesma empresa, Construcciones Ponciano Nieto SL, o proxecto de reparación de camiño de Capeáns ao camiño de Covas e outros, que inclúe cinco obras en distintas vías e camiños das parroquias de Covas, Biduído, Ortoño e Bugallido. Neste caso o prezo de adxudicación foi de 23.825,32 euros. A primeira obra que se recolle en dito proxecto é a reparación do camiño que une as aldeas de Capeáns e Covas. Actuarase nun tramo de 125 metros de longo por 5 metros de ancho, onde se vai mellorar a capa de rodaxe cun tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma, previa reparación das fochancas. Ademais, botaranse dez centímetros de zahorra, quince de grava e un tratamento asfáltico semiprofundo nun treito dese mesmo camiño de 20x5 metros e ampliarase a calzada dous metros por un lado.
Outro das obras que están incluídas neste proxecto é a reparación do camiño que discorre polo lugar da Igrexa, en Covas, no cal se vai actuar en tres treitos de 220x3,50; 30x6,00 e 35x4,50 metros. Nos dous primeiros tramos e nun sobreancho de 75 metros cadrados vaise a mellorar a capa de rodaxe cun tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma, previa reparación das fochancas e perfilado das mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. No terceiro treito contémplase o acondicionamento da explanada e maila reposición do paquete de firme con quince centímetros de grava e a aplicación dun tratamento asfáltico.
Mellora de camiños en Ortoño, Biduído e Bugallido
Asemade, vaise a reparar un camiño triangular na Tarroeira (Ortoño), que dispón dunha lonxitude de 600 metros e 4 metros de ancho, así como 350 metros cadrados de sobreanchos. Neste caso aplicarase un tratamento asfáltico superficial e un rego de selado en toda a plataforma. Previamente, haberá que reparar as fochancas e perfilar as mordentes con grava e cun tratamento asfáltico semiprofundo. Outras das obras é a mellora do acceso á aldea da Moniña, situada na parroquia de Biduído. Neste caso actuarase nun tramo de 35 metros de longo por 9 metros de ancho, para repoñer o firme do camiño con quince centímetros de grava e a aplicación dun triplo tratamento asfáltico.
Por último, vaise a reparar o camiño que vai dende Mourigade ata a estrada de Outeiro – As Buceleiras, na parroquia de Bugallido. Actuarase nun tramo de 280 metros de lonxitude por 3,50 metros de ancho, así como en 180 metros cadrados de sobreanchos. Neste treito preténdese a mellora da capa de rodaxe cun tratamento asfáltico superficial e cun rego de selado en toda a plataforma, previa reparación das fochancas e perfilado das mordentes. Finalmente, contémplase a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias para un correcto drenaxe, así como a sinalización vertical e a colocación dunha sinal de Stop.
Inicio de expediente de dous proxectos
Nesta mesma sesión da Xunta de Goberno Local cómpre destacar que tamén se aprobou o inicio de expediente de dous proxectos de obras. Por un lado, déuselle luz verde á pavimentación da aldea de A Mámoa e interiores, na parroquia de Tapia, e do lugar de Barreiro, en Bugallido. Este proxecto, que ten un custo estimado de 59.771,71 euros. Por outra banda, tamén se aprobou o proxecto de mellora do camiño de Cruxeiras e do entorno da Igrexa de Ames, así como da rúa Lodeiro, situada en Bertamiráns. Este segundo proxecto dispón dun orzamento de 64.872,11 euros.




