Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba a adxudicación das obras de pavimentación no camiño de acceso ao lugar de Costoia

Xoves, 28 de novembro de 2019

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación da obra de mellora do camiño de acceso ao lugar de Costoia, pertencente á parroquia de Biduído. Este proxecto, que foi adxudicado á empresa SYR-AMG SL por un importe de 33.125 euros, está incluído no Plan Único de Concellos POS+ 2019.

O proxecto de dita obra recolle actuacións nun camiño cunha lonxitude total de 490 metros e dividido en dous treitos de 190x4,00 e 300x3,50 metros. Deste xeito,  preténdese a mellora da capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa reparación de baches e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

Preténdese así mesmo a pavimentación de dous sobreanchos de 145x2,00 e 50x2,50 metros, con dez centímetros de grava, tratamento asfáltico semiprofundo e seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previo acondicionamento, nivelación e rasanteo da explanación.

Contémplase a execución de 136 metros (60, 50 e 26 metros) de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubería de PVC de 315 mm. de diámetro e executaranse 4 arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais, previa escavación de zanxa e posterior recheo compactado da mesma.

Completan a obra a limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos e a adaptación de 7 pozos de rexistro existentes á nova rasante.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, apunta que “estas obras únense ás que se van executar para mellora o camiño que vai de Quistiláns a Costoia. Todas elas están incluídas no POS+2019. Estes traballos están recollidos nun plan máis amplo que contempla ir mellorando os camiños interiores das aldeas do rural amesán que se irán facendo con cargo a estes fondos da Deputación da Coruña”.

Imaxe da Casa do Concello