[21-10-2011] A Xunta de Goberno Local de Ames adxudicou a contratación das obras de pavimentación do camiño de Pontemaceira a Carballo pasando por Trasmonte; a ampliación do saneamento e abastecemento en Tarrío e obras de saneamento, abastecemento e anulación de fosa séptica en Guimaráns (Bugallido) incluídas todas elas no Plan de Obras e Servizos do 2011 da Deputación da Coruña. Tamén se aprobou o censo das tarifas incluídas pola prestación de servizos educativos complementarios, bos días cole tardes divertidas, e comedores escolares. Do mesmo xeito a Xunta de Goberno Local aprobou o censo das tarifas incluídas pola prestación do Setembro Lúdico.
A obra de pavimentación do camiño de Pontemaceira-Trasmonte-Carballo adxudícase por un importe de 19.158,42 euros. A ampliación do saneamento e abastecemento en Tarrío adxudicouse pola contía de 60.862,71 euros e as obras de saneamento, abastecemento e anulación de fosa séptica en Guimaráns (Bugallido) adxudicouse por 77.671,54 euros. Estas obras páganse principalmente cos fondos do POS 2011 que aporta a Deputación da Coruña, a cargo do concello corre o 5% do importe das mesmas.




