Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local adxudica os contratos das Escolas Culturais de Teatro, Artes Plásticas e Baile do Concello de Ames

Mércores, 08 de novembro de 2017

[08-11-2017] O Concello de Ames vén de aprobar en Xunta de Goberno Local os lotes 1, 2 e 3 das Escolas Culturais de Teatro, Artes Plásticas e Baile. Os lotes 1 e 2, que recollen a impartición das actividades incluídas dentro das Escolas Culturais de Artes Plásticas e Baile, foron adxudicadas á empresa Esproade SL, mentres que o lote número 3 relativo a impartición das Escolas Culturais de Teatro adxudicouse á entidade Serviplustotal SL. A duración inicial do contrato será de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluído período inicial e prórrogas).

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “no ano 2015 non se lle renovou o contrato a anterior adxudicataria e contratouse a profesores/as e empresas locais de recoñecido prestixio e solvencia, a través dun contrato menor de servizo cunha duración máxima dun ano. Durante o curso 2016-2017 a contratación dos profesionais encargados de impartir este servizo municipal fíxose a través dun procedemento negociado, e agora para o curso 2017-2018, damos cumprimento á obriga de sacar a licitación o servizo das Escolas Culturais a través dun proceso de licitación público, transparente e aberto”.

Deste xeito, os lotes 1 e 2, que recollen a impartición das actividades incluídas dentro das Escolas Culturais de Artes Plásticas e Baile, foron adxudicadas á empresa Esproade SL, mentres que o lote número 3 relativo a impartición das Escolas Culturais de Teatro adxudicouse á entidade Serviplustotal SL, e a súa vez aos profesionais da compañía Talía Teatro. A duración inicial do contrato será de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluído período inicial e prórrogas).

As tres escolas Culturais (Escola de Artes Plásticas, a Escola de Teatro e a Escola de Baile) contan cun total de 240 prazas para nenos e nenas e maiores de 16 anos e presentan varias novidades como as clases de teatro infantil e xogo dramático no Milladoiro e Bertamiráns.

Programa de actividades das Escolas Culturais
A programación das tres Escolas Culturais divídese do seguinte xeito: a Escola de Artes Plásticas dispón de actividades de arte miúda para nenos e nenas de 3 a 6 anos e actividades de manualidades, para maiores de 16 anos. A Escola de Teatro dispón de actividades de teatro infantil e xogo dramático, para dous grupos diferentes de idades (nenos/as de 3 a 6 anos e rapaces e rapazas de 7 a 11 anos). Tamén existe un grupo para o grupo municipal e teatro. Por último, na Escola de Baile impártense actividades de baile de salón. As clases das tres Escola Culturais impartiranse nas Casas de Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns.