Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local adxudica as obras para dotar dunhas gradas cubertas ao campo de fútbol do Milladoiro

Sábado, 19 de novembro de 2016

[19-11-2016] O goberno municipal vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a adxudciación das obras de construcción das gradas cubertas no campo de fútbol do Milladoiro. Este proxecto, que foi adxudicado á empresa OVIGA SL, ten un custo de 82.420 euros e será sufragado con cargo ao Plan de Obras e Servizos 2016 da Deputación da Coruña. Trátase dunha obra que vén sendo reclamada dende hai tempo por parte do Milladoiro Sociedade Deportiva, que ata o de agora non se executou.

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, explica que "a execución das obras para construír as gradas cubertas do campo de fútbol do Milladoiro é un compromiso adquirido polo goberno municipal co Milladoiro Sociedade Deportiva. Ademais, é unha necesidade dotar a este campo de fútbol dun espazo cuberto para os afeccionados. Con este acordo que acabamos de adoptar en Xunta de Goberno Local xa queda menos para que O Milladoiro conte con esta demandada infraestrutura".

O proxecto recolle a construción dunha gradaría cuberta de formigón no que este material conforma un todo de partes case indistinguibles, xa que a estrutura é á vez e a un tempo cerramento, pel, solado, e cuberta. É dicir, é un todo homoxéneo de formigón armado; como un continuo que se retorce e acomoda á escasa anchura do espazo libre, por forza lonxitudinal e alargado, paralelo ao camiño e pechado aos ventos dominantes.

Así mesmo, a sección transversal propicia a disposición de espazos vacantes baixo a cota de bancadas, que poderán ser acondicionados posteriormente como aseos, almacéns ou novos vestiarios. A superficie da construción en planta ocupa 163,43 metros cadrados.