Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local adxudica as obras de mellora na EDAR do polígono industrial do Milladoiro

Sábado, 05 de marzo de 2016

[05-03-2016] Esta semana a Xunta de Goberno Local deulle luz verde á adxudicación das obras de mellora na EDAR do polígono do Milladoiro. Estes traballos foron adxudicados á empresa Espina & Delfín SL por un importe de 73.790,88 euros. A través da execución deste proxecto preténdese mellorar a calidade do efluente, reducir os custes de explotación e mellorar as condicións de seguridade e hixiene no traballo, mellorando a eficiencia de funcionamento desta instalación que foi recepcionada por parte do Concello hai dous anos. Este proxecto será sufragado a través do Plan de aforro e investimento (PAI) 2015 da Deputación Provincial da Coruña.

As actuacións que se van a desenvolver divídense en varias partes. En primeiro lugar, vanse a realizar melloras no sistema de control de procesos e automatismos. A través deste traballos vaise instalar un sistema de alimentación ininterrompida (SAI), ampliar o sistema de control e substituír o sistema de ventilación. Tamén se van executar varias melloras no sistema de subministro e distribución de enerxía eléctrica; no sistema de bombeo de cabeceira; no sistema de pretratamento; no tratamento primario e secundario; na liña de lodos; no sistema de subministro de auga; e executarase unha reforma integral dos vestiarios e aseos.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, lembra que “esta estación depuradora de aguas residuais, que dá servizo ao polígono do Milladoiro, foi recepcionada hai dous anos por parte do Concello de Ames. Agora é necesario executar unha serie de obras para mellorar o seu funcionamento. Deste xeito, vanse a realizar melloras no sistema de seguridade e saúde porque existía un informe desfavorable de Augas de Galicia. Vaise a automatizar o sistema para facer un control máis exhaustivo e para dispor dun control cando haxa un problema na rede. Ademais, instalarase un sistema monotorizado para que se poidan mover máis os restos e para que se melloren os parámetros dos vertidos unha vez depurados”.

Os traballos foron adxudicados á empresa Espina & Delfín SL por un importe de 73.790,88 euros. Este proxecto será sufragado a través do Plan de aforro e investimento (PAI) 2015 da Deputación Provincial da Coruña. Blas García remata dicindo que “as obras comezarán o máis axiña posible para dotar a esta EDAR das melloras que precisa”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Augas instó las mejoras para la EDAR del polígono"
La Voz de Galicia: "Ames aprueba una inversión de 73.790 euros para mejorar la EDAR del polígono de Milladoiro"