Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local adxudica as obras de mellora dos camiños de Quistiláns a Costoia e de Insua por 52.495 euros

Venres, 22 de novembro de 2019

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación da obra de mellora do camiño que vai de Quistiláns a Costoia. Este proxecto, que foi adxudicado á empresa SYR-AMG SL por un importe de 43.725 euros, está incluído no POS 2019. Ademais, aprobouse adxudicar a realización da obra de mellora do camiño a Insua (praia fluvial de Tapia), tamén á empresa SYR-AMG SL, por 8.770 euros. Este proxecto está incluído no Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020.

No proxecto de mellora do camiño que vai de Quistiláns a Costoia recéllese a actuación nun viario que conta cunha lonxitude total de 880 metros, dividido en tres treitos de 85x4,00; 365x3,50 e 430x3,00 metros. A través desta actuación preténdese a mellora da capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa reparación de baches e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

Ademais, preténdese a execución de 195 metros (85, 66, 44 metros) de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubería de PVC de 315 mm de diámetro e executaranse 5 arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais, previa escavación de zanxa e posterior recheo compactado da mesma. Completan a obra a limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos e a adaptación de 15 pozos de rexistro existentes á nova rasante.

Por outra banda, adxudicouse a realización da obra de mellora do camiño a Insua (praia fluvial de Tapia) que conta cunha lonxitude de 560 metros e de 3,50 metros de ancho, así como un abanico de 10x4,00 metros. A través desta actuación procederase á limpeza de gabias ambas marxes e a mellora da capa de rodaxe. Aplicarase un tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de baches e perfilado de mordentes ao 25% da superficie con pedra 32/63 mm e tratamento asfáltico semiprofundo. Completa a obra a sinalización vertical, coa colocación dunha sinal de stop.

Imaxe da Casa do Concello