Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local adxudica obras de mellora da rúa Raxoeira do Milladoiro

Venres, 03 de marzo de 2017

[03-03-2017] A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar tres obras que se encadran dentro do proxecto modificado de reparación do camiño de Agro do Muíño (Ortoño) e outros. A través deste proxecto preténdese mellorar o firme da rúa da Raxoeira do Milladoiro e dun camiño que conecta Agro do Muíño con Sisalde, así como dun tramo da Senda Verde (dende o cuartel da Garda Civil do Milladoiro ata a escola infantil As Figueiras). Estas tres obras foron adxudicadas á empresa Obras y Viales de Galicia SL (OVIGA SL) por un importe de 29.820 euros.

O goberno municipal ten o obxectivo de ir mellorando as rúas dos núcleos urbanos do Milladoiro e de Bertamiráns que presentan máis deficiencias. Neste caso vaise a reparar a calzada da rúa da Raxoeira, situada no núcleo urbano do Milladoiro. A través desta obra quérese mellorar a capa de rodaxe desta vía en sete treitos, de 30,40x11,10; 7,40x7,50; 12,50x8,50; 18,70x11,10; 2,00x6,10; 26,00x1,00 e 30x11,00 metros, coa aplicación de cinco centímetros de aglomerado en quente, previo fresado do pavimento existente que se atopa nun estado claramente deficiente.

Outra das obras que se recollen neste proxecto é a reparación dun tramo, de 140 metros de longo por 1,50 metros de ancho, da Senda Verde, que vai dende o cuartel da Garda Civil do Milladoiro ata a escola infantil As Figueiras. Neste caso preténdese demoler o pavimento existentes e repoñer o firme da calzada coa colocación de bordo de formigón prefabricado, dez centímetros de zahorra de canteira e dez de formigón. Asemade, instalarase a canalización dun tubo de 90 milímetros de diámetro para iluminación pública.

Por outra banda, tamén se vai reparar o camiño que conecta Agro do Muíño co lugar de Sisalde (Ortoño). Esta obra executarase nun tramo de 195 metros de longo por 3,50 metros de ancho, e que conta cun sobreancho de 70x2,50 metros. A través desta actuación vaise repoñer o firme desta calzada con quince centímetros de grava e un triplo tratamento asfáltico, previo acondicionamento da explanación, nivelación e rasanteo. Finalmente, contémplase a apertura de gabias e maila limpeza de salvagabias para que haxa un correcto drenaxe, así como a sinalización vertical coa colocación dunha sinal de Stop.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “a través deste proxecto vanse a executar obras moi necesarias tanto no Milladoiro como en Ortoño. O obxectivo do goberno municipal é ir mellorando pouco a pouco aquelas vías que presentan maiores deficiencias. Ademais, con estas actuacións preténdese reparar a capa de rodaxe dos camiños e rúas municipais co obxectivo de mellorar a seguridade viaria dos condutores e dos peóns”.

Atraso no comezo da obra
Dende o departamento de Obras explican que o inicio destas actuacións van con varias semanas de atraso no seu comezo por problemas na adxudicación das mesmas, xa que a empresa que resultou gañadora no proceso de licitación non presentou a documentación no tempo fixado pola normativa e tivo que adxudicarse á seguinte empresa, e polo tanto demoráronse os prazos. "É moi necesario facer estas obras, en especial a mellora da pavimentación da rúa Raxoeira a cal se atopa en moi mal estado", di o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O executivo de Ames adxudica obras de mellora da rúa Raxoeira do Milladoiro"