[20-12-2012] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobou esta mañá de xeito provisional o plan especial de dotacións da cidade deportiva que o Real Aero Club de Santiago proxecta instalar na parroquia amiense de San Mamede de Piñeiro.
Tras a recepción do informe favorable a este plan da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, o Concello dá agora un novo paso aprobándoo provisionalmente. O seguinte paso será a remisión desta aprobación provisional á Xunta de Galicia para que emita informe preceptivo. Finalmente, o plan especial deberá recibir aprobación definitiva do Pleno.
O obxectivo do plan especial de dotacións é establecer e ordenar unha instalación de uso deportivo nun ámbito territorial clasificado polo PXOM de Ames como solo rústico de especial protección forestal.
Con data de 17 de abril de 2012, a Xunta de Goberno Local do Concello de Ames deu luz verde á aprobación inicial do plan especial de dotacións. Por parte do Aero Club, presentouse un novo plan especial con data de 9 de outubro de 2012, que foi examinado polos técnicos municipais. A Xunta de Goberno Local do pasado 5 de novembro tomou coñecemento deste novo documento, que foi remitido a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para a emisión do seu informe, que finalmente foi favorable.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Impulso del concello de Ames a la obra del Aero Club en Piñeiro"




