Pestanas principais

A Xunta de Galicia reitera o seu compromiso de abrir a nova escola infantil de Bertamiráns de cara ao inicio do curso 2016-2017

Xoves, 04 de febreiro de 2016

[04-02-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, mantiveron unha xuntanza co xerente do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez. Nesta reunión a Xunta de Galicia volveu a reiterar o seu compromiso de abrir a nova escola infantil da Rede A Galiña Azul, situada en Bertamiráns, de cara ao mes de setembro e coincidindo co inicio do curso escolar 2016-2017. Ademais, o goberno municipal chegou a un principio de acordo co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para subscribir un convenio único para a xestión das dúas escolas infantís da Rede A Galiña Azul que haberá en Ames.

Estado de liquidación do período 2010-2013
Outro dos asuntos tratados neste encontro foi o estado de liquidación co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar correspondente ao período 2010-2013. O Concello de Ames asume o 30% do gasto corrente do funcionamento da escola infantil As Figueiras, pero nos últimos catro anos non se efectuou o pagamento destes importes contraendo unha débeda de 420.054,68 euros.

Ademais, chegouse a un principio de acordo co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para subscribir un convenio único para a xestión das dúas escolas infantís da Rede A Galiña Azul que haberá en Ames; a nova escola de Bertamiráns e a escola infantil As Figueiras, que leva funcionando dende o ano 2010 na localidade do Milladoiro.

Mapa escolar de necesidades educativas
Por outra banda, dende o departamento de Educación fusionaron as listas de agarda das dúas escolas infantís municipais e da escola infantil As Figueiras, que se encadra dentro da Rede A Galiña Azul, co obxectivo de facer unha valoración do número de prazas que se necesitan para atender a todos os nenos e nenas de 0 a 3 anos.

No Milladoiro tendo en conta os datos da escola infantil municipal A Madalena e da escola infantil As Figueiras hai en listas de agarda 28 nenos/as de 0 a 1 anos e 54 nenos/as de 1 a 2 anos. No tramo de 2 a 3 anos non hai ningún neno/a en lista de agarda. En Bertamiráns, hai que ter en conta os datos da escola infantil municipal O Bosque, que ten en lista de agarda 17 nenos/as de 0 a 1 anos, 34 nenos/as de 1 a 2 anos; e 10 nenos/as de 2 a 3 anos.

Esta información está recollida no mapa escolar de necesidades educativas que está elaborando o Concello de Ames. O rexedor municipal e o concelleiro de Educación e Cultura informáronlle ao xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar da elaboración do devandito mapa, que é a primeira actuación que se contempla dentro do Observatorio de Educación que creou o goberno municipal para dispor do mapa e dunha ferramenta de participación da comunidade educativa. Neste documento recóllense as necesidades en materia educativa que ten o Concello de Ames como é a falta de prazas no primeiro ciclo de educación infantil (nenos/as de 0 a 3 anos).

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explicou que “foi unha reunión moi produtiva na que houbo unha clara colaboración institucional para avanzar nun tema fundamental para Ames como é a posta en marcha da nova escola infantil de Bertamiráns, que estará encadrada dentro da Rede de escola infantís A Galiña Azul, e que está previsto que comece a funcionar no vindeiro mes de setembro coincidindo co inicio do curso 2016-2017”.

Tratouse dunha reunión de traballo na que se realizou un seguimento da situación na que se atopan as obras desta nova escola infantil. Nesta xuntanza acordouse que de cara a finais deste mes de febreiro ou comezos de marzo abrirase o prazo para solicitar a matrícula neste novo centro escolar. Esta é a segunda reunión que mantén o goberno municipal co responsable do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar para avanzar na posta en marcha desta escola infantil.

Características da escola infantil
A parcela onde se está xestionando esta nova escola infantil dispón de 3.389 metros cadrados e a superficie total construída é de 656,35 metros cadrados. O importe de execución desta obra ascende a uns 736.000 euros, asumido nun 60% polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o 40% restante polo Concello de Ames.

As 82 prazas do centro educativo distribuiranse en seis aulas, dúas para cada grupo de idade. As aulas do alumnado de 0 a 1 anos teñen unha superficie de 22 metros cadrados; as unidades de 1 a 2 anos ocupan 30 m2; e as aulas de 2 a 3 anos teñen unha dimensión de 36 m2. O inmoble está deseñado en planta baixa. Ao sur estarán as aulas e na zona norte haberá unha sala de usos múltiples, unha zona de servizos con cociña, vestiarios e aseos, unha sala para o profesorado e un despacho para a dirección do centro.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “coa posta en funcionamento desta nova escola infantil diminuirá algo a necesidade de prazas que ten agora mesmo a veciñanza amesá. Aínda así é necesario seguir incrementando a oferta de prazas de 0 a 3 anos. En 2015 houbo preto de 400 nacementos en Ames, polo que cremos que durante este ano vaise incrementar a solicitude de prazas nas escolas infantís. Debido a iso temos que seguir traballando para reforzar os servizos municipais para os máis novos”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"La nueva escuela infantil abrirá la reserva de matrícula en un mes"
El Correo Gallego:"A nova escola infantil de Ames abrirá a matrícula en menos dun mes"