- Tematica
O Concello de Ames recibiu hoxe a notificación da Dirección Xeral de Mobilidade sobre o reforzo que vai facer a Xunta de Galicia, dende o vindeiro sábado 22 de maio, do servizo de transporte público para dar servizo á veciñanza das parroquias de Ortoño e Bugallido. Dito reforzo realizarase ao incorporar un desvío no percorrido da liña que vai de Extramundi de Arriba a Santiago de Compostela, engadindo cinco novas paradas nos núcleos de Ames. Dende o Goberno municipal de Ames agradecen esta medida e que se tiveran en conta as propostas enviadas conxuntamente polo Concello e polas asociacións veciñas destas dúas parroquias amesás.
O alcalde de Ames, Blas García, agradece “o compromiso e mailo traballo da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade para estudar e aceptar as propostas trasladadas de forma conxunta polo Concello de Ames e polas asociacións de veciños/as de Ortoño e Bugallido. Trátase dun paso moi importante para recuperar este servizo tan demandado pola veciñanza destas dúas parroquias amesás”.
A Dirección Xeral de Mobilidade comunicoulle esta mañá ao Concello de Ames que a partir do vindeiro sábado, 22 de maio, vaise a reforzar o servizo de transporte público que presta servizo á veciñanza das parroquias de Ortoño e Bugallido. Dito reforzo farase incorporando un desvío no percorrido da liña que vai de Extramundi de Arriba a Santiago de Compostela, engadindo cinco novas paradas nos núcleos de Ames. Deste xeito, os autobuses desa liña atenderán as paradas de Agro do Muíño, Ortoño (Igrexa) e Ortoniño, pertencentes á parroquia de Ortoño; así como Outeiro e Quistiláns, pertencentes á parroquia de Bugallido.
Esta medida ten por obxecto dar resposta ás necesidades de mobilidade dos veciños e veciñas destas parroquias, afectadas pola supresión o pasado mes de decembro da prolongación da liña urbana P2, correspondente ao servizo do bus urbano de Santiago de Compostela.
Con este reforzo, os veciños de Ortoño e Bugallido disporán de 12 novos servizos diarios, de luns a venres, á conexión con Santiago de Compostela, que se estenden desde as 06:40 horas da mañá ata as 20:45 horas do serán. Nas fins de semana e nos festivos, a oferta de servizos desta liña é de 6 expedicións cada día.
Restitución da liña urbana P2
Por outra banda, dende o Goberno municipal de Ames indican que seguen traballando para asinar un convenio a tres bandas entre os Concellos de Ames e de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia para a restitución da antiga liña urbana P2.
O alcalde de Ames, Blas García, lembra o compromiso de asumir os gastos da liña P2 de Santiago, antigo bus de Ortoño, de xeito temporal durante un máximo de seis meses, mentres duren os estudos por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Na actualidade, o Concello de Ames xa ten feito o estudo económico do custe do servizo do bus P2 durante estes seis meses.
Neste senso, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu ofrecemento de apoio técnico e administrativo para que o Concello de Ames e o Concello de Santiago de Compostela avancen nun convenio que restitúa a extensión da liña urbana ata Ortoño e suplemente os horarios dos servizos que actualmente presta a Xunta.
Blas García explica que “o obxectivo é recuperar o servizo de transporte para as parroquias afectadas pola retirada do bus, e agora temporalmente complementaremos a liña de Extramundi coa liña do P2, e manteremos este reforzo para Fraíz e A Moniña”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La Xunta amplía el servicio de bus del rural de Ames con Santiago y el Concello prevé completarlo"
El Correo Gallego: "Ganan los vecinos: bus desde el sábado para Bugallido y Ortoño"
Lindeiros: "Ortoño e Bugallido volven a ter transporte desde este sábado"
Compostela 24horas: "Ortoño e Bugallido tendrán bus desde este sábado"