Pestanas principais

A Xunta de Galicia estima favorablemente as alegacións presentadas polo Concello de Ames ao anteproxecto de explotación de servizos públicos de transporte metropolitano

Sábado, 01 de febreiro de 2020

O Concello de Ames acaba de recibir unha notificación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Xunta de Galicia, na que se estiman de xeito favorable, ás alegacións presentadas no pasado mes de agosto de 2019 ao anteproxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estradas. As alegacións aceptadas refírense a unha serie de ampliacións de servizos en distintas rutas: incremento do horario de prestación dos servizos na primeira e/ou última hora en certas liñas; aumento dos servizos en fin de semana; implantación de novas expedicións en certas franxas horarias; inversión no sentido dunha liña, para adaptar mellor ás necesidades das persoas usuarias á primeira e última expedición do día, e creación dunha liña de Noitebús que conecte Bertamiráns e O Milladoiro con Santiago.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Xunta de Galicia, vén de notificarlle ao Concello de Ames que admite as alegacións presentadas o pasado mes de agosto á redacción inicial dos novos pregos do anteproxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estradas. A concelleira de Mobilidade, Beatriz, Martínez, mostra a súa satisfacción pola estimación de todas as alegacións presentadas e destaca que “no novo servizo público de transporte metropolitano vai a recoller moitas das demandas que fixeron os veciños e veciñas de Ames. Son demandas coherentes, polo que éramos positivos á hora de pensar que se podían estimar e forma favorable”.

As alegacións presentadas centrábanse en seis liñas de transporte: ruta da rúa da Rosa - Bertamiráns – A Gándara; ruta da rúa da Rosa – Ameneiro – Casalonga – Firmistáns; ruta da rúa da Rosa – O Milladoiro; ruta polígono Novo Milladoiro – Bertamiráns; e ruta da rotonda de As Viñas - rúa da Rosa. Ademais, propúxose para as fins de semana, a creación dunha liña nocturna con parada segura que sexa circular Bertamiráns – O Milladoiro – rúa da Rosa, comezando ás 23:30h con dúas frecuencias de primeira hora e dúas de volta ás 3:00 e 4:00 horas.

Deste xeito, dende o goberno municipal de Ames xustificaron que son necesidades trasladadas por parte da veciñanza de Ames. Ademais, plantexouse que unha das necesidades primordiais para a implantación do PMUSS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible e Saudable) é dispor dun transporte que cubra as necesidades da poboación do concello e poder ter liñas en horarios importantes para os grandes puntos de mobilidade (polígonos, hospitais, universidade, etc.).

Dende o goberno municipal tamén expresaron a necesidade de poder enlazar o transporte metropolitano que chega de Ames coas liñas de Santiago, que van cara os polígonos para non ter que usar o vehículo privado, así como poder dispor dunha boa conexión co polígono do Milladoiro, xa que moitos dos seus traballadores/as viven fóra do Milladoiro.

Creación dunha liña nocturna
Por último presentouse a demanda para a creación dunha liña nocturna, xa que é unha das demandas, que ao longo destes último anos, máis se ven solicitando por parte da mocidade amesá. Trátase da posta en servizo dunha liña BUHO nocturna con percorrido de ida e volta a partir das 23:30h da noite en venres e sábados.

Así, desde o goberno de Ames propúxose para as fins de semana, a creación dunha liña bufo (nocturna) con parada segura que sexa circular Bertamiráns – O Milladoiro – rúa da Rosa, comezando ás 23:30h con dúas frecuencias de primeira hora e dúas de volta ás 3:00 e 4:00 horas. Esta nova liña permitiría mellorar a seguridade viaria da mocidade nun concello que é o máis novo de toda Galicia e que require de medidas excepcionais.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que “todas e cada unha das demandas que se van incluír no anteproxecto do servizo público de transporte metropolitano mellorarán considerablemente o transporte con Santiago e permitirá comezar cunha nova forma de desprazamento máis eficiente e eficaz”. Ademais, o rexedor municipal agarda que “en breve podamos ter en marcha o proceso de licitación, porque a posta en marcha do servizo mellorará en calidade e cantidade o transporte actual que pasa por ser deficiente”.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El Noitebús enlazará O Milladoiro y Bertamiráns con Santiago los fines
de semana"

Imaxe da avenida da Maía, en Bertamiráns