Pestanas principais

A Xunta de Galicia está realizando en Ames unha campaña de tratamentos fitosanitarios para erradicar e controlar unha praga nos cítricos

Martes, 13 de setembro de 2016

[13-09-2016] O Concello de Ames informa a todos os veciños e veciñas, que pola resolución do 10 de febreiro de 2015, a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, declarou a presenza da praga de corentena denominada Trioza erytreae Del Guercio ou Psílido africano dos cítricos. Debido a iso adoptáronse medidas urxentes para a súa erradicación e control. Unha das medidas establecidas nos plans de erradicación e control deste organismo é a realización de tratamentos fitosanitarios para evitar a dispersión do mesmo cara zonas nas que aínda non está presente. Deste xeito, durante estas semanas, operarios da empresa pública Tragsa, están realizando traballos de tratamentos fitosanitarios nos cítricos en diversos lugares da parroquias de Ortoño, Agrón, Ames, Biduído e Trasmonte.

En concreto, no concello de Ames, a Xunta de Galicia, a través do grupo Tragsa, está realizando unha campaña voluntaria e gratuíta de tratamentos fitosanitarios de limoeiros, laranxos, mandarinos e pomelos como medida para erradicar e controlar a devandita praga. Estes tratamentos vanse aplicar en diferentes lugares das parroquias de Ortoño , Agrón, Ames, Biduído e Trasmonte. Na actualidade estase traballando na parroquia de Ortoño. Para levar a cabo esta campaña, persoal identificado informará aos veciños propietarios de fincas con cítricos das labores que se pretenden levar a cabo e será o propietario/a o que, se así o desexa, asinará a súa conformidade cos mencionados tratamentos.

No caso de que o propietario que posúe fincas con cítricos desexe que se apliquen estes tratamentos fitosanitarios nas súas propiedades debe cubrir e asinar un impreso que lle facilitan os operarios de Tragsa. No caso de negarse tamén deben cubrir un impreso. Unha vez aplicado o produto, ditos operarios colocan na zona un cartel informativo sobre a praga do psílido africano dos cítricos co obxectivo de informar aos veciños que se están realizando estes tratamentos fitosanitarios. Neste cartel consta un número de teléfono por se os interesados desexan obter máis información.

O produto só se pode aplicar os días que non chove. Co que os días que chove os operarios de Tragsa dedícanse a realizar unha identificación previa polas zonas que se vai aplicar os tratamentos. Tamén deixan carteis informativos por ditos lugares para informar aos veciños. A través destes tratamentos preténdese eliminar a mosca da trioza que é a causante dos danos. O produto aplícase rapidamente e por suposto sen custo algún xa que é unha obra do Servizo de Explotacións Agrarias da Xunta de Galicia. Aplícase un produto que o clorpirifos de EXAL que vai moi diluído segundo marca a etiqueta do produto en auga.

Unha vez aplicado o produto déixase colocado un cartel na zona aplicada para que o propietario teña constancia dos traballos feitos. Ademais, en cada propiedade déixanse colocadas unhas trampas cromáticas que logo revisa Tragsatec, xunto á ficha colocada, que é a que realmente recibiu o encargo da Xunta e que xa antes recollera mostras de follas nestas parroquias.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Combaten plagas en cítricos y exigen que desraticen Milladoiro"
La Voz de Galicia:"La plaga de los frutales cítricos afecta a árboles de Padrón, Ames y Brión"