Pestanas principais

A Xunta de Galicia e o Concello de Ames acometen os traballos de limpeza do Camiño de Santiago-Fisterra e do Camiño Portugués ao seu paso polo municipio amiense

Mércores, 23 de xullo de 2014

[23-07-2014] A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, estivo realizando traballos de limpeza e acondicionamento no Camiño de Santiago a Fisterra ao seu paso polo concello de Ames. Os traballos que se executaron consistiron no desbroce e limpeza do tramo do Camiño que discorre por Ames. Asemade, nas últimas semanas a brigada de obras do Concello de Ames tamén estivo realizando labores de limpeza e desbroce no Camiño Portugués ao seu paso polo municipio de Ames. Estes traballos de acondicionamento realizáronse co obxectivo de que o Camiño que vai de Santiago de Compostela ata Fisterra e o Camiño Portugués estean en perfectas condicións para os peregrinos que durante estes meses transitan por estas rutas.

Ames é un dos pouco concellos galegos polo que discorren máis de un dos camiños de peregrinación xacobea. Dúas rutas de peregrinación discorren polo seu termo municipal: o Camiño Real de Santiago a Fisterra-Muxía e o Camiño Portugués.

O Camiño Real de Santiago a Fisterra é o camiño de finalización da peregrinación xacobea, o único que ten en Santiago o seu punto de arranque e non o seu final. A primeira etapa do Camiño Real na procura das terras de Fisterra desenvólvese por terras de Ames. O Camiño entra en Ames polo Alto do Vento e discorre por Ventosa e Lombao para logo descender ata Augapesada. A continuación, o Camiño pasa por diferentes localidades amienses como Carballo, Trasmonte, Burgueiros ata chegar ao núcleo histórico de Ponte Maceira, onde abandona o concello de Ames e cruza o río Tambre, para entrar en terras de Negreira por unha fermosa ponte gótica.

Durante os meses de verán, e principalmente a semana das festas do Apóstolo, son moitos os peregrinos que chegan a Santiago de Compostela, e a continuación, emprenden unha nova viaxe cara Fisterra. Debido a iso, dende a Xunta de Galicia estiveron acondicionando o Camiño Real de Santiago a Fisterra, co obxectivo de que estea en perfectas condicións para os peregrinos que durante estes meses transitan por el.

Deste xeito, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estivo realizando diferentes traballos de limpeza e acondicionamento no Camiño de Santiago a Fisterra ao seu paso polo concello de Ames. Estes traballos consistiron fundamentalmente no acondicionamento do firme e na limpeza da cunetas. Para iso estivéronse desbrozando as malas herbas, que nacen á beira do camiño, e cortáronse as ramas das árbores que invaden a senda peonil.

Outros traballos que se realizaron foi a apertura de cunetas, en ambas marxes do camiño, para que discorra a auga sen problema, e a reposición de grava naquelas zonas que sufriron un lavado do firme debido ás choivas do inverno. Por último, realizouse unha limpeza superficial das zonas do camiños que teñen adoquíns no seu firme. Aqueles que estaban soltos fixáronse correctamente e substituíronse os que estaban rotos.

Acondicionamento do Camiño Portugués
Por outra banda, nas últimas semanas a brigada de obras do Concello de Ames tamén estivo realizando labores de limpeza e desbroce no Camiño Portugués ao seu paso polo municipio de Ames. Cómpre destacar que a última etapa do Camiño Portugués de Padrón a Santiago discorre polo concello de Ames.

Ademais, o goberno municipal de Ames mantivo unha xuntanza co Concello de Teo e coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo, para a posta en marcha de proxectos comúns co obxectivo de dinamizar esta ruta e potenciar este Camiño que discorre por estes dous municipios da comarca de Santiago de Compostela.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Xunta e Concello de Ames acometen os traballos de limpeza do Camiño de Santiago-Fisterra e do Camiño Portugués ao seu paso polo municipio amiense"