Pestanas principais

A Xunta de Galicia aproba novas restricións que afectan a todo o territorio galego e especificamente á localidade do Milladoiro

Xoves, 22 de outubro de 2020

A Consellería de Sanidade vén de publicar no DOG a actualización das medidas de restricións que afectan á localidade do Milladoiro, onde se incrementan as restricións decretadas o pasado 24 de setembro. Asemade, a Xunta de Galicia actualizou as medidas de restricións para todo o territorio galego, medidas que afectan ao resto do termo municipal de Ames. Ademais, dende o Concello adóptanse as seguintes medidas: peche das pistas deportivas ao aire libre, dos parques infantís e dos parques biosaudables de todo o termo municipal; adiase o inicio do curso nas Escolas deportivas e culturais municipais; e suspéndense as actividades dos diferentes programa municipais que están organizadas polos departamentos de Promoción da saúde e da Oficina de Voluntariado de Ames, dependentes da Concellería de Benestar Social.

Ante a evolución da crise sanitaria ocasionada pola Covid-19 a Xunta de Galicia vén de publicar no DOG a Orde pola que se establecen determinadas medidas de prevención pola situación epidemiolóxica derivada do coronavirus na comarca de Santiago. O obxecto desta Orde é establecer determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do Covid-19 no concello de Santiago de Compostela e na localidade do Milladoiro, pertencente á parroquia de Biduído, no concello de Ames. Ditas medidas teñen efecto desde as 00.00 horas do 22 de outubro de 2020 e manterán a súa eficacia por un período de 14 días naturais.

As principais medidas que se aplican á localidade do Milladoiro son a prohibición de xuntanzas para actividades familiares ou socias, salvo no caso de persoas que convivan xuntas. Procédese ao peche dos parques infantís, parques de biosaudables e pistas polideportivas ao aire libre; prohíbese o servizo interior de bares e cafeterías, mentres que os restaurantes non poderán superar o 50% da capacidade do comedor para servizo de comida. O servizo en terraza será do 50%. Suspéndense as actividades municipais de Benestar Social e aprázase o inicio das Escolas deportivas e culturais municipais. Para consultar todas as medidas que afectan á localidade do Milladoiro dende ás 00.00 horas deste xoves 22 de outubro preme nesta ligazón.

Actualización das medidas para o resto do concello de Ames
Ademais, a Xunta de Galicia actualizou as medidas de restrición para todo o territorio galego, medidas que son de aplicación no resto do termo municipal de Ames (o núcleo do Milladoiro ten restricións superiores). Deste xeito, poderanse realizar xuntanzas de como máximo 5 persoas para actividades sociais, salvo no caso de persoas que convivan xuntas; establécese un aforo do 50% de ocupación  para o consumo no interior dos locais e do 75% en terrazas exteriores; e prohíbese o servizo en barra. Ademais, procédese ao peche dos parques infantís, parques biosaudables e pistas deportivas ao aire libre; suspéndense as actividades municipais de Benestar Social; e aprázase o inicio das Escolas deportivas e culturais municipais.

A actividade deportiva ao aire libre ou en instalacións deportivas poderase realizar en grupos de ata 5 persoas como máximo. Para consultar todas as medidas que afectan ao concello de Ames (excepto Milladoiro) dende ás 00.00 horas deste xoves 22 de outubro preme nesta ligazón.

Medidas adoptadas polo Concello de Ames
Por outra banda, debido a evolución da pandemia ocasionada pola COVID-19, o Concello de Ames, dende este xoves, 22 de outubro, e ata novo aviso, procede ao peche das pistas deportivas ao aire libre, dos parques infantís e dos parques biosaudables de todo o concello de Ames.

Ademais, adiase o inicio do curso nas Escolas deportivas e culturais municipais. O Concello informará, a través da páxina web e das súas canles de redes sociais, sobre a data na que sexa posible comezar as clases. Por último, suspéndense as actividades que están organizadas polos departamentos de Promoción da saúde e da Oficina de Voluntariado de Ames, dependentes da Concellería de Benestar Social.

Para máis información ou resolver dúbidas pódese chamar aos números de teléfono 881 07 47 30 // 662 099 944 ou enviar un correo electrónico ao enderezo gabinete@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

Revista AmesGo: Que restricións se aplican no Milladoiro?

Compostela 24 horas: "Medidas que afectan ao núcleo do Milladoiro desde este xoves"

Cartel coas novas medidas que se aplican no Milladoiro

Multimedia

  • Cartel coas novas medidas que se aplican en Ames