Pestanas principais

A Xunta contrata as obras da ampliación do colexio de Ventín

Xoves, 11 de agosto de 2011

[11-08-2011] A Consellería de Educación adxudicou por un importe de 148.011,74 euros as obras para a ampliación do CEP de Ventín con catro módulos que dotarán ao centro de cinco novas aulas, tres de 50 metros cadrados e dúas de 24 metros cadrados, ademais todas contan cun pequeno servizo. Esta ampliación serve para facerlle fronte ao incremento de prazas que precisa o colexio debido ao crecemento da demanda educativa nos últimos anos. Ademais das aulas e os baños tamén se vai construír un porche de entrada.

A empresa adxudicataria será a firma Soluciones de Edificaciones Integrales y Sostenibles que deberá construír en total cinco aulas que permitirán sumar 75 alumnos máis aos 425 que estiveron escolarizados en Ventín o ano pasado. O Concello ten un firme compromiso coa Consellería de Educación para que todo esté listo na primeira semana de setembro, coincidindo co inicio do curso escolar que comeza o día 9.

O Concello xa rematou a parte que lle correspondía da obra

O goberno dos populares destinou arredor de 50.000 euros á parte da obra que lle correspondía, polo que un muro de contención, a base para a colocación dos módulos e a canalización da obra están practicamente finalizados a día de hoxe. O portavoz do goberno de Ames, Ramón G. Argibay explica que é factible rematar esta obra antes do comezo das clases, porque no mesmo recinto instaláronse hai varios anos módulos prefabricados coma os de agora, polo que xa existen servizos previos para a conexión da rede eléctrica e a canalización da auga.

Con esta medida conséguese unha solución provisional para escolarizar aos nenos de Milladoiro, dado que a solución final pasa por construír un novo colexio de educación infantil e primaria na zona, un equipamento que nestes momentos está condicionado á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal que permita ao Concello dispoñer de chan adecuando para a cesión á Xunta, que é a responsable última da construción do centro.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Xunta adjudica las obras de ampliación del colegio de Ventín"
El Correo Gallego: "El Concello de Ames asegura que la reforma de Ventín acabará en un mes"