Pestanas principais

A Xunta comunícalle ao Concello de Ames a emisión de informe favorable sobre o plan especial de dotacións da cidade deportiva do Real Aero Club de Santiago

Martes, 02 de abril de 2013

[02-04-2013] A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia vén de comunicarlle ao Concello de Ames a emisión de informe favorable previo á aprobación definitiva do plan especial de dotacións da cidade deportiva que o Real Aero Club de Santiago proxecta instalar na parroquia amiense de San Mamede de Piñeiro. Unha vez que se reciba este informe favorable, o próximo paso que levará a cabo o Concello de Ames será levar o plan especial ao Pleno para a súa aprobación definitiva.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, acolleu con satisfacción a comunicación de que a Xunta emitirá informe favorable sobre este plan, xa que, destacou, “supón dar un paso adiante máis para rematar os trámites que permitirán a posta en marcha da cidade deportiva do Aero Club”. “Estanse dando os pasos definitivos para que a cidade deportiva sexa unha realidade”, apuntou.

O plan especial afecta a un ámbito de 641.889 metros cadrados, situado na parroquia amiense de San Mamede de Piñeiro, no límite cos concellos de Val do Dubra e de Santiago de Compostela. O obxectivo do plan especial é establecer e ordenar unha instalación de uso deportivo nun ámbito territorial clasificado polo PXOM de Ames como solo rústico de especial protección forestal.

Neste plan especial ordénase un complexo deportivo centrado no campo de golf que ocupa a maior parte do ámbito, e zonas destinadas a outros usos (aparcadoiro, edificacións ou instalacións deportivas cubertas e de mantemento). Ademais, existen varias áreas de protección de bens de interese patrimonial e prevese unha ocupación total pola edificación do 5% do ámbito total do plan especial.

Trámites
Con data de 17 de abril de 2012, a Xunta de Goberno Local do Concello de Ames deu luz verde á aprobación inicial do plan especial de dotacións. Por parte do Aero Club, presentouse un novo plan especial con data de 9 de outubro de 2012, que foi examinado polos técnicos municipais. A Xunta de Goberno Local do pasado 5 de novembro tomou coñecemento deste novo documento, que foi remitido a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para a emisión do seu informe, que finalmente foi favorable.

Antes de ser remitido á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, o pasado 20 de decembro a Xunta de Goberno Local deu luz verde á aprobación provisional deste plan.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Urbanismo da luz verde a Ames para el plan especial del Aero Club de Santiago"
La Voz de Galicia: "No adscritos, PSOE y PP trabajan en renovar el servicio del agua en Ames"