Pestanas principais

Xosé Luís Santos Cabanas pecha o trimestre de “Encontros Literarios en Ames”, con “É todo conto?”

Martes, 14 de decembro de 2021

As Bibliotecas Municipais celebran o último “Encontros Literarios en Ames” do ano co escritor Xosé Luís Santos Cabanas e o seu libro, “É todo conto?”. A presentación será este xoves 16 de decembro, ás 20:30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Acompaña ao autor o filósofo e editor Roberto Abuín, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González. A entrada será libre ata completar aforo.

Con este cuarto encontro literario, as Bibliotecas Municipais de Ames pechan o trimestre dunha das actividades principais do Programa de Animación á Lectura para público adulto. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns xa recibiu ata o momento aos autores Salvador Lladó, Emma Pedreira e Alfredo Conde, que presentaron os seus últimos traballos á veciñanza amesá.

“É todo conto?”, publicado na colección de narrativa “Nume” da Editorial Toxosoutos, profundiza na temática social xa presente en publicacións anteriores do autor, a través dun conxunto de pequenos relatos que falan do fascismo, do Terceiro Mundo, o machismo, o rancor ou a insolidariedade.

Xosé Luís Santos Cabanas (Lavacolla, 1952) é un escritor galego de narrativa e poesía. Ten colaborado como columnista en varios medios de comunicación do país, como Sermos Galiza ou Praza Pública, ou ben con artigos na revista especializada A Trabe de Ouro. Participou na Asociación Oliveira de Teo para a recuperación para a Memoria Histórica, ou no colectivo cultural Redes Escarlata. Ademais, foi Premio Modesto R. Figueiredo 1993 coa prosa “Ahoulouuu...!”.

No encontro literario deste xoves acompañará ao autor Roberto Abuín, filósofo e editor de Toxosoutos, así como da editora Axóuxere, que cofundou en 2011. Pola súa banda, presentará o acto a concelleira de Cultura, Natividade González.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Santos Cabanas pecha os Encontros Literarios coa súa obra ‘É todo conto?’"

Xosé Luís Santos Cabanas pecha o trimestre de “Encontros Literarios en Ames”, con “É todo conto?”

Multimedia

  • Xosé Luís Santos Cabanas pecha o trimestre de “Encontros Literarios en Ames”, con “É todo conto?”
  • Xosé Luís Santos Cabanas pecha o trimestre de “Encontros Literarios en Ames”, con “É todo conto?”