Pestanas principais

Xosé Antonio López Silva presenta no Pazo da Peregrina a tradución do clásico da literatura culinaria e memorística El libro de cocina de Alice B. Toklas

Martes, 11 de decembro de 2012

[11-12-2012] O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá este xoves 13 de decembro, ás 20:00 horas, a presentación do último traballo de Xosé Antonio López Silva. Trátase da tradución do clásico da literatura culinaria e memorística El libro de cocina de Alice B. Toklas, publicado en BackList. Este acto está organizado polo Concello de Ames, a través da Biblioteca municipal, en colaboración coa Librería Lenda. Esta presentación enmárcase dentro das actividades coas que o Concello de Ames intenta apoiar e promocionar os creadores e creadoras literarios.

Xosé Antonio López Silva escolleu o Pazo da Peregrina para presentar a tradución do clásico da literatura culinaria e memorística El libro de cocina de Alice B. Toklas, publicado en BackList. Este acto, que está organizado pola Biblioteca municipal do Concello de Ames e a Librería Lenda, terá lugar este xoves 13 de decembro, ás 20:00 horas.

Xosé Antonio López Silva (Melide, 1972) é latinista, tradutor, profesor no IES de Porto do Son e investigador do ILGA (Instituto da Lingua Galega), USC. As súas liñas de traballo céntranse en tres ámbitos: a influencia das literaturas clásicas na literatura galega, en especial en Álvaro Cunqueiro, a literatura latina da Gallaecia e o teatro grecolatino.

López Silva ten traducido e estudado, entre outras obras, a Crónica do historiador galaico-romano Hidacio de Chaves (Ourense, 2002), a comedia plautina Os xemelgos (Santiago de Compostela, 2010), e a Electra, de Sófocles (Salamanca, 2010). Así mesmo, é autor da antoloxía de Álvaro Cunqueiro De santos y milagros (Madrid, 2012). Como tradutor literario de obras contemporáneas os seus últimos traballos son Caballo de oros (Madrid, 2012) xunto con Víctor Freixanes, e El libro de cocina de Alice B. Toklas (Barcelona, 2012).

El libro de cocina de Alice B. Toklas
Este libro é un dos poucos que merece a categoría de «lendario». Durante máis de vintecinco anos, Alice B. Toklas recolleu e adaptou receitas coas que agasallou a artistas como Picasso, Matisse, Picabia, Hemingway ou Francis Scott-Fitzgerald, por citar a algunhas das celebridades que desfilaron polo seu salón. O froito de centos de horas na cociña, mercados e hortos deu como resultado esta recompilación de orixinais propostas e receitas creativas que tiñan como obxectivo soportar a austeridade dos tempos de guerra.

As receitas van de simples aperitivos ata os pratos máis complexos. Esta recompilación inclúe receitas achegadas por amigos como Cecil Beaton, Pierre Balmain, Josephine Baker, Dora Maar ou o chef do hotel Algonquin; as múltiples variantes do gazpacho rexistradas na súa viaxe a España; a súa experiencia con serventes de orixes, aptitudes e biografías insospeitadas e receitas insólitas como a da galiña dos ovos de ouro ou o doce de hachís, que fixese tan popular a Toklas no setenta dando lugar á película Te quiero Alice B.Toklas (1968), protagonizada por Peter Sellers. Despois da morte de Gertrude Stein, o seu editorial pediu a Alice que escribise un libro en resposta á Autobiografía de Alice B. Toklas. O resultado foi este: un dos libros de cociña máis orixinais do século XX.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Xosé Antonio López Silva presenta no Pazo da Peregrina a tradución do clásico da literatura culinaria e memorística El libro de cocina de Alice B. Toklas"