[21-04-2016] As integrantes da categoría sénior do CV Bruxas viaxan esta fin de semana a Ourense, cidade que acolle este ano o campionato galego de voleibol. As xogadoras, despois dunha gran tempada, buscarán este sábado conquistar o título deste campionato, máxima distinción na categoría sénior en Galicia.
As integrantes do equipo sénior amesán enfrontaranse no Pazo dos Deportes Paco Paz ás xogadoras do Caldaria Voley Ourense -o equipo anfitrión-, do Calasancias da Coruña, e do AD Xiria Asesoría Cervantes. Ademais da final da liga feminina disputarase tamén a masculina, na que compiten os deportistas do Asesores Vila Castro, o Calasancias Coruña, do Voleibol Dumbría e do Jealsa Boiro Voleibol.
As semifinais comezarán ás 10:00 horas en pistas contiguas. Neste partido as amesás enfrontaranse ás xogadoras do AD Xiria. Pola tarde, ás 15:00 horas, darán comezo os dous partidos nos que os 3º e 4º equipos competirán polo bronce. A final feminina terá lugar ás 17:00 horas, e a masculina ás 19:00 horas. Tralo remate do último partido procederase á clausura deste campionato galego de voleibol coa entrega de trofeos.
O presidente do CV Bruxas, Fernando Lizuain, destaca que "para un club que leva tan só cinco anos xogando nesta categoría, o feito de disputar o campionato galego de voleibol é sinónimo de que fixemos unha gran temporada. Fernando Lizuain tamén explica que "o equipo enfróntase a este reto con moita ilusión. Acadaron o terceiro posto na liga regular e foron campioas na segunda fase da liga. Na segunda fase as xogadoras do CV Bruxas non perderon un só partido dos catro que disputaron".
O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, deséxalle ao Club Voleibol Bruxas a "sorte necesaria para facer un bo campionato, e agardo tamén que poidan celebrar algún éxito".




