Pestanas principais

A xogadora amesá, Nuria Rábano, xogará o Europeo de fútbol sub 19 con España

Xoves, 03 de agosto de 2017

[03-08-2017] O seleccionador nacional feminino sub-19, Pedro López, deu a lista definitiva das mozas que competirán en Irlanda do Norte polo campionato de Europa de fútbol entre o 8 e o 20 de agosto. Entre as seleccionadas atópase a xogadora amesá do Real Club Deportivo da Coruña SAD, Nuria Rábano Blanco, que disputará a súa primeira fase final dun Europeo. Nesta competición participan as oito mellores seleccións de Europa nesta categoría.

A selección española feminina sub 19, na fase final, estrearase na xornada inaugural, o día 8 de agosto, ás 20:00 horas, en Belfast, ante a selección anfitrioa, Irlanda do Norte. Tres días despois, o día 11, ás 16:00 horas, en Portadown, enfrontarase ao combinado de Alemaña, e o día 14, ás 20:00 horas, en Lurgan, pechando a fase de grupos, medirase a Escocia.

A semana do 24 ao 28 de de xullo, Nuria Rábano estivo concentrada en Las Rozas, adestrado en sesión de mañá e tarde. Das 24 convocadas fíxose unha selección de 18 xogadoras, entre as que se atopa a xogadora amesá, que disputarán a fase final do europeo sub 19. O pasado luns, 31 de xullo, volveu a concentrarse en Las Rozas co resto de compañeiras seleccionadas para disputar esta competición europea. O domingo 6 de agosto desprazaranse a Irlanda do Norte para o día 8 comezar a competir.

España está no grupo A coa selección anfitrioa, Irlanda do Norte, coa actual campioa de Europa nesta categoría, Alemaña, e coa selección de Escocia. No grupo B están as seleccións de Italia, Inglaterra, Francia e Holanda. A selección española competirá por ser unha das das catro mellores seleccións e clasificarse para as semifinais, xa que estas catro seleccións clasificaranse de xeito automático para disputar en 2018 o mundial sub 19 en Francia.

Por último, Javier Rábano, pai da xogadora amesá, agradeceulle ao Concello de Ames e ao Milladoiro SD, club no que Nuria xogou 11 anos, a posibilidade de adestrar entre o 26 de xuño e o 18 de xullo no campo municipal de fútbol do Milladoiro para poder chegar en boas condicións aos adestramentos coa selección española de fútbol.



Contido relacionado


Ames Go: "Nuria Rábano xogará o Europeo de fútbol sub 19 con España"
La Voz de Galicia: "Nuria Rábano disputará con España el Europeo sub 19"
Sermos Galiza: "Nuria Rábano xogará a Eurocopa Sub-19 en Irlanda do Norte"