Pestanas principais

A xogadora amesá, Nuria Rábano, xoga o Mundial de fútbol sub 20 con España

Martes, 07 de agosto de 2018

[07-08-2018] Despois de proclamarse campioa de Europa sub-19 o pasado ano, aínda co infortunio de lesionarse no segundo encontro da fase de grupos, a xogadora amesá Nuria Rábano repite convocatoria coa selección de España sub-20 que, onte luns, debutou na IX Copa Mundial Feminina de Fútbol desta categoría. O combinado nacional derrotou con contundencia a Paraguay por 4-1, nun encontro no que a xogadora amesá do Real Club Deportivo da Coruña SAD non tivo ocasión de saltar ao terreo de xogo. O Mundial dispútase dende o pasado domingo en Francia e prolongarase ata o día 24 de agosto.

O seleccionador nacional feminino sub-20, Pedro López, volveu confiar na amesá Nuria Rábano para formar parte do grupo que disputa a fase final do Mundial en Francia. Pese a non xogar no partido fronte a Paraguay, a futbolista amesá vive dende onte con ilusión o seu primeiro campionato do mundo, logo do éxito acadado na pasada Eurocopa disputada en Irlanda do Norte hai un ano. O debut non puido ser mellor para a selección española, que derrotou a Paraguay por un contundente 4-1. O seguinte partido medirá ás rapazas de Pedro López á selección de Xapón, pasado mañá xoves.

O segundo partido da fase de grupos pode ser decisivo para as dúas seleccións, xa que o combinado nipón derrotou no seu debut a Estados Unidos por 1-0. España e Xapón chegan así con 3 puntos a un partido que pode, en caso de vitoria, selar o pase a cuartos de final. O último partido da fase de grupos para España disputarase o próximo luns, 13 de agosto, fronte a Estados Unidos. Dúas rivais, nipoas e norteamericanas, que son claras aspirantes a chegar moi lonxe neste Mundial.

A boa tempada da futbolista amesá no Real Club Deportivo da Coruña SAD, Nuria Rábano, non pasou desapercibida para o seleccionador nacional Pedro López, gran coñecedor desta xeración de futbolistas, coas que está a traballar desde o ano 2015. Aos seus 19 anos, Nuria é xa un referente nas convocatorias a nivel nacional e segue a medrar como futbolista nas filas do club herculino.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Nuria Rábano repite en la selección"