Pestanas principais

A xogadora amesá, Nuria Rábano, queda subcampioa no Mundial sub 20 coa selección española feminina de fútbol

Luns, 27 de agosto de 2018

[27-08-2018] O pasado venres, 24 de agosto, a selección española feminina de fútbol quedou subcampioa do Mundial sub 20 despois de perder na final ante Xapón por 3 goles a 1. A final disputouse no Stade de la Rabine, na localidade francesa de Vannes. A xogadora amesá do Real Club Deportivo da Coruña SAD, Nuria Rábano, fixo historia coa selección española ao ser esta a primeira vez que o combinado español xogaba un mundial nesta competición.

A final do Mundial sub-20 de fútbol feminino, que enfrontou a España e Xapón, saldouse coa vitoria da selección xaponesa por 3-1 no Stade de la Rabine. Se ben as rapazas de Pedro López dominaron o partido durante a primeira parte do encontro e buscaron a portería en numerosas ocasións, a selección nipoa foi superior en canto a puntería, con tres goles ao longo do encontro. O gol de España non chegaría ata o minuto 71 da man de Candela Andújar.

Sen embargo, neste Mundial o grupo español rompeu o seu teito histórico no torneo ao pasar de cuartos e chegar ata a final. Deste xeito, a xogadora amesá Nuria Rábano forma parte da convocatoria dunha xeración de rapazas que está a conseguir grandes resultados nos últimos anos.

Pese a non formar parte do once inicial, Nuria Rábano tivo ocasión de disputar os seus primeiros minutos no Mundial no último partido da fase de grupos que enfrontou a España contra EEUU. Un partido que rematou co resultado de 2-2 e que, logo da vitoria conseguida fronte a Xapón na xornada anterior, amosaba o potencial da selección nacional pasando como primeira dun grupo no que estaban ás dúas grandes favoritas para levantar o trofeo.

A boa tempada da futbolista amesá no Real Club Deportivo da Coruña SAD, Nuria Rábano, non pasou desapercibida para o seleccionador nacional Pedro López, gran coñecedor desta xeración de futbolistas, coas que está a traballar desde o ano 2015. Aos seus 19 anos, Nuria, que recibiu o Premio á deportista máis destacada do 2017 do Concello de Ames, é xa un referente nas convocatorias a nivel nacional e segue a medrar como futbolista nas filas do club herculino.