Xoán Curiel e Charo Pita estarán en Bertamiráns co seu espectáculo literario Canta miña pedra, canta. Esta actuación, que combina cancións, elementos teatrais e de narración oral e moita interacción co público, terá lugar o próximo venres, 31 de maio, ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. O espectáculo, que homenaxea a figura de Antón Fraguas, chega a Ames no marco do programa FalaRedes 2019, da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo promover o uso e a valoración do galego nos concellos que pertencen á Rede de Dinamización Lingüística.
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o vindeiro 31 de maio a homenaxe “Canta miña pedra, canta” centrada na obra de Antón Fraguas, a quen se lle adicou o Día das Letras Galegas 2019 por unha vida adicada á posta en valor da cultura e a lingua galegas mediante o seu coñecemento, difusión e desenvolvemento. O espectáculo correrá a cargo de Xoán Curiel, que porá música a algunhas das cantigas recollidas por Antón Fraguas na súa obra compilación “Cantigueiro de Cotobade”, ademais da interpretación de varias cancións propias inspiradas na obra e vida do autor pontevedrés.
Charo Pita, pola súa banda, enriquecerá a actuación cunha mostra de distintos contos populares galegos, extraídos do libro O fillo do rei e outros contos populares galegos, co obxectivo de achegar a rapazada a este ámbito da cultura. Ao remate da sesión, o público que asistente recibirá un exemplar desta pequena antoloxía de narracións tradicionais de Galicia escolmadas por Quique Harquindey e Maruxa Barrio. Mediante este agasallo, búscase que os e as asistentes sigan afondando trala actuación na lectura en galego e no coñecemento do patrimonio lingüístico e literario propio.
Canta, miña pedra, canta é un espectáculo dirixido a un público infantil e familiar que chega a Ames da man do programa de dinamización lingüística FalaRedes, impulsado pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. FalaRedes ofrece actividades en galego para o tempo de lecer, coa finalidade de ampliar a oferta de ocio no noso idioma, reforzar a oferta de actividades en galego dos concellos da Rede, promover o uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo neste idioma. Para asistir a este espectáculo non é preciso reservar previamente, dado que a entrada será libre e gratuíta ata completar aforo.





