Pestanas principais

A XII Mostra de Teatro Afeccionado remata o venres coa representación do Enmeigado da man do grupo municipal de teatro de Ames

Mércores, 15 de novembro de 2017

[15-11-2017] Este venres, 17 de novembro, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, ás 21:00 horas, a representación da obra O Enmeigado, da man do grupo municipal de teatro de Ames. A peza, que se encadra dentro da XII Mostra de Teatro Afeccionado, é un relato descarnado da sociedade, onde a miseria das desposuídas busca, por veces, camiños revirados para gañar o pan. A XII Mostra de Teatro Afeccionado está organizada polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura. A entrada é libre e gratuíta.

“O Enmeigado” é a obra que pechará, este venres, a XII Mostra de Teatro Afeccionado. Interpretada polo grupo municipal de teatro de Ames, a peza é unha obra de Ramón María del Valle Inclán, na que se deseña un retrato cruel da sociedade onde a miseria das desposuídas procura, en ocasións, camiños revirados para obter o pan. A dirección e adaptación do texto foi un traballo de Mónica Caamaño.

“A Corda”, do grupo The Puntillas Teatro de Santa Comba, foi a obra que inaugurou a XII Mostra de Teatro Afeccionado de Ames, o pasado 20 de outubro. A dirección da peza correu a cargo de Xan Martínez, quen tamén foi o responsable da adaptación do texto - unha versión libre do filme “A Soga” de Alfred Hitchock-. “Shakespeare para todos”, do grupo de teatro da asociación Andaina Pro Saúde Mental, representouse o 3 de novembro. A peza, que é unha adaptación libre de dúas obras do dramaturgo inglés William Shakespeare, contou coa dirección e adaptación de Fran Rei. 

O 10 de novembro, a Mostra de Teatro Afeccionado acolleu a representación da obra “O medo meu”, do grupo de creación colectiva Catre Teatro, da asociación cultural Alende. Agustín Bolaños foi o director desta peza: unha traxicomedia que xira arredor das persoas e dos seus medos. A Mostra foi organizada polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura. A entrada das obras, que estiveron dirixidas a un público adulto, foi libre e gratuíta.


Contido relacionado


Lindeiros: "O grupo municipal de teatro de Ames pecha a XII Mostra de Teatro Afeccionado con O Enmeigado"