[09-06-2015] Este venres, 12 de xuño, comezará unha nova edición da Feira do Comercio Val da Maía. Ás 17:00 horas abriranse as portas da que xa é a décimo primeira edición desta iniciativa comercial. Este ano uns 40 establecementos comerciais ofrecerán os seus produtos con grandes descontos. A feira contará con máis de 1.000 metros cadrados de oportunidades. Este evento, que se desenvolverá no pavillón polideportivo do Milladoiro, terá lugar os días 12, 13 e 14 de xuño.
Esta fin de semana o pavillón do Milladoiro converterase no gran centro de compras de todo o Concello de Ames e dos municipios limítrofes. A Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro organiza este evento comercial en colaboración co Concello de Ames, a Deputación da Coruña, a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, e a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar.
Está previsto que a este evento acudan arredor de 40 expositores, que ocuparán unha superficie de 1.000 metros cadrados. Nesta feira haberá comercios de diferentes sectores como o téxtil, calzado, electrónica, óptica, roupa, artesanía, complementos do fogar ou agasallos. Estes postos ofrecerá unha gran variedade de ofertas e promocións en todos os sectores e actividades comerciais. Cómpre destacar que este ano, ademais de establecementos comerciais, haberá stands de empresas e profesionais que ofrecerán os seus produtos e servizos.
A XI Feira do Comercio abrirá ao público o venres 12, ás 17:00 horas, e permanecerá aberta ata as 21:00 horas. O sábado e o domingo o horario de apertura será ininterrompido de 10:00 h a 21:00 horas. A entrada será libre e haberá atraccións para os nenos, inchables e aparcamento gratis.
Ademais de poder comprar diferentes produtos aos mellores prezos, as persoas que asistan á Feira do Comercio poderán gozar dunha ampla oferta lúdica e gastronómica, xa que haberá inchables para os nenos/as e postos de polbo para xantar. Tamén haberá churrerías, xeadarías e rede wifi. Haberá tamén unha exposición de coches patrocinada por Dimonorte na zona exterior.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "La Feira do Comercio Val da Maía reúne a 40 establecimientos"
El Correo Gallego: "Ames remata quincena con una Feira do Comercio Val da Maía de 40 stands"