Pestanas principais

A XI Carreira Ciclista do Pavo celébrase o próximo domingo en Bertamiráns

Mércores, 20 de decembro de 2017

[20-12-2017] A asociación Galega de Ciclistas, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo e co Concello de Ames, organiza para o próximo domingo, 24 de decembro, a XI Carreira Ciclista do Pavo. Ese día, nas inmediacións do Parque do Ameneiral en Bertamiráns, haberá xincanas ciclistas para as máis pequenas e pequenos a partir das 11:00 horas. A carreira, na que se espera a participación dun centenar de persoas, dará comezo ás 12:00h. As inscricións pódense facer a través dos enderezos de correo electrónico deportes@concellodeames.gal ou begoalonso@mundo-r.com, así como do número de teléfono 677 555 748.

O vindeiro domingo, 24 de decembro, as inmediacións do Parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerán novamente a celebración da Carreira Ciclista do Pavo. Organizada pola Asociación Galega de Ciclistas, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo e co Concello de Ames, a carreira admitirá a participación de calquera persoa maior de 15 anos, tanto se está federada como se non. Ademais, as persoas que non conten cunha licenza federativa disporán dun seguro específico para dita carreira. O circuíto, que será duns 900 metros aproximadamente, terá un trazado circular, tendo como punto de partida e remate o Parque do Ameneiral.

As inscricións, que son gratuítas, pódense realizar a través dos enderezos de correo electrónico deportes@concellodeames.gal ou begoalonso@mundo-r.com, así como do número de teléfono 677 555 748. O primeiro centenar de persoas inscritas recibirán un pequeno agasallo da organización. Alén diso, as tres primeiras persoas clasificadas levarán, por orde de chegada á meta, un pavo, un polo, e unha perdiz, respectivamente. Previamente á carreira, que se desenvolverá a partir das 12:00 horas, as nenas e nenos asistentes poderán participar nunha xincana ciclistas, coa súa bicicleta e casco. A organización prestaralle o material a aquelas crianzas que non o poidan levar.

Así mesmo, a organización da Carreira Ciclista do Pavo anima tanto ao público como aos participantes a acudir este domingo, 24 de decembro, cun xoguete que será posto a disposición do Concello de Ames para a súa posterior doazón. O evento deportivo destaca, desta maneira, polo seu carácter festivo e solidario.