[21-10-2015] O Pazo da Peregrina de Bertmiráns acolle mañá xoves, 22 de outubro, a partir das 20:00 horas, o Foro sobre a xestión municipal do Dereito Humano á auga. A actividade, aberta a todas as persoas interesadas neste eido, está especialmente indicada para persoal implicado na supervisión ou seguimento do servizo de auga potable e saneamento municipal. Esta iniciativa, que está organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a ONGD Enxeñería sen Fronteiras Galicia, pretende impulsar un debate no concello coas persoas interesadas en coñecer máis sobre o enfoque do dereito humano á auga mediante a mellora da transparencia e bo goberno na súa xestión.
O Foro sobre a xestión municipal do Dereito Humano á auga partirá do exemplo dos traballos desenvolvidos cunha mancomunidade de sete concellos do sur de Honduras co apoio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, así como outras experiencias existentes, que permita establecer un intercambio coas persoas asistentes para posibles melloras concretas a impulsar dende o concello (expoñer novas alternativas, melloras concretas da xestión, dúbidas, etc.) Chamar a atención sobre a problemática do dereito á auga, debater e poñer sobre a mesa propostas de mellora da transparencia e da boa gobernanza en todo o ciclo da súa xestión, son os principais obxectivos que persegue a celebración desta actividade.
Serán varios os temas que se porán enriba da mesa, como o ciclo integral e xestión integral, o marco legal na UE e no Estado Español, diferentes modelos de xestión, boas prácticas no uso da auga, o programa de dereito á auga de Enxeñería Sen Fronteiras en Honduras, en colaboración coa mancomunidade de 7 municipios de NASMAR, leccións clave para asegurar o dereito humano á auga e oportunidades de traballo dende os concellos no eido do aseguramento do dereito humano á auga.
A ONU recoñece especificamente o dereito á auga dende o 2010. Os concellos, como administración pública máis próxima á cidadanía, teñen unhas competencias importantes á hora de garantilo, o que se reflicte no marco lexislativo da maioría dos países do mundo. Enxeñería Sen Fronteiras, como asociación que traballa no eido da tecnoloxía para as persoas, ten o dereito á auga como un dos seus eixos de traballo, con experiencia en lugares como El Salvador, os campamentos de refuxiados saharauís en Alxeria ou Honduras, e participa a través da Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras en redes que promoven unha maior transparencia e bo goberno na xestión da auga en todo o mundo.




