Pestanas principais

A xestión de conflitos será o tema da última sesión dos obradoiros de competencias socioemocionais

Martes, 28 de maio de 2019

A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Ames organiza este mércores, 29 de maio, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, unha nova sesión dos obradoiros de competencias socioemocionais, que tratará sobre a xestión de conflitos. Trátase do último taller do programa de obradoiros de competencias socioemocionais, que está enfocado no empoderamento feminino, para a adquisición de capacidades e habilidades socioemocionais que favorezan o crecemento persoal das mulleres amesás. Para participar nesta actividade non é necesaria inscrición previa.

O Centro de Información da Muller (CIM) de Ames puxo en marcha no pasado mes de marzo unha serie de obradoiros destinados ao empoderamento das mulleres amesás. Así, o ciclo consta dun total de oito talleres que se foron alternando os mércores na Casa da Cultura de Bertamiráns e os xoves no Pazo da Peregrina. Durante os sete talleres xa celebrados tratáronse temas como o autocoidado; a corporalidade e a atención plena; a disciplina positiva; a comunicación interpersoal; a nutrición e o benestar; o mindfulness; e o coaching e toma de decisións.

Este mércores, 29 de maio, impartirase o último taller que xirará arredor da xestión de conflitos. Esta actividade desenvolvese a partir das 18.00h na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para participar nesta sesión non é necesaria inscrición previa, polo que a actividade está aberta a quen se anime a participar.

Ferramentas para o empoderamento das mulleres
O empoderamento consiste en que unha persoa adquira autoridade, influencia ou coñecemento para facer algo. Nun contexto no que as mulleres aínda sofren desigualdades en ámbitos como o laboral, o social ou o persoal, como son o teito de cristal ou a fenda salarial, convértese en esencial facilitarlles todas as ferramentas necesarias para o seu empoderamento, o que supón un paso máis cara a igualdade.

Así, unha muller empoderada é aquela que se coñece a si mesma, que vive a súa feminidade con liberdade, que rompeu as súas barreiras internas e conectou ca súa verdadeira esencia. Todo isto permítelle ter o control sobre a súa propia vida, alcanzar as súas metas, tomar decisións, manter relacións saudables, establecer límites firmes ante calquera tipo de desigualdade.

A xestión de conflitos será o tema da última sesión dos obradoiros de competencias socioemocionais