Pestanas principais

Xérase un volume de negocio de 45.432 euros durante a primeira quincena da campaña de tarxetas bono Ames Progresa

Luns, 21 de marzo de 2022

A Concellaría de Promoción Económica xa dispón dos primeiros datos sobre a evolución da campaña de tarxetas bono Ames Progresa que comezou o pasado 1 de marzo. Do 1 ao 17 de marzo xa se realizaron un total de 1.842 operacións nos establecementos adheridos o que xerou un volume de negocio de 45.432 euros. O saldo restante nas tarxetas ascende a 82.118 euros. As tarxetas poden empregarse ata o 30 de abril para facer compras nos 219 establecementos adheridos á campaña. Nesta campaña están en circulación un total de 1.611 tarxetas (940 de 100 euros e 671 de 50 euros), o que supón un volume de negocio total de 127.550 euros.

Por segundo ano consecutivo o Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, puxo en marcha unha campaña de tarxetas bono para gastar no comercio local de Ames. En dita campaña participan 219 establecementos que teñen unha pegatina no escaparate que os identifica. A pegatina conta cun código QR que ao escanealo pódense consultar todos os locais adheridos á campaña de tarxetas bono Ames Progresa.

Puideron adherirse á campaña todos os comercios e locais de hostalería e restauración do termo municipal de Ames, excepto os espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados ou supermercados pertencentes a grandes cadeas), as estacións de servizo de combustible e as salas de xogo/apostas. Quedaron tamén excluídos as farmacias e demais establecementos sanitarios, así como os estancos. A modo aclaratorio foron incluídos dentro da campaña as ópticas, as clínicas veterinarias, os psicotécnicos, as clínicas dentais, os establecementos ortopédicos e as parafarmacias.

O Concello de Ames destinou 75.000 euros a estas tarxetas, ás que aporta o 40% do seu valor. Os 5.000 euros restantes serven para cubrir gastos de xestión das tarxetas, así como para a contratación de dúas persoas que axudaron na emisión e recarga dos bonos. Dos 75.000 euros presupostados inicialmente para as tarxetas bono, o Concello gastou o 68% (51.020 euros).

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “a campaña está funcionando moi ben un ano máis. Durante a primeira quincena da campaña xa se gastou o 35% do saldo das 1.611 tarxetas bono que estarán en circulación ata o vindeiro 30 de abril”. Ademais, Ana Belén Paz agradeceu ás asociacións “a súa colaboración un ano máis na recarga e venda das tarxetas bono”.

1.611 tarxetas bono en circulación
A campaña Ames Progresa estase desenvolvendo neste ano 2022 entre o martes 1 de marzo e o sábado 30 de abril, nos que a potencial clientela do tecido comercial e da hostalaría amesá poderá facer uso das súas tarxetas bono.

Nesta campaña esgotáronse as 500 tarxetas bono de 50 euros postas a disposición da veciñanza. Ademais recargáronse 1.111 tarxetas adquiridas nas campañas de 2021. Recargáronse 940 tarxetas de 100 euros e 171 tarxetas de 50 euros. Deste xeito, nesta campaña están en circulación un total de 1.611 tarxetas (940 de 100 euros e 671 de 50 euros) o que supón un volume de negocio total de 127.550 euros.

Do valor total da tarxeta de 50 euros, a persoa beneficiaria aportou 30 euros e o Concello de Ames 20 euros, mentres que na de 100 euros, as beneficiarias achegaron 60 e o Concello, 40 euros. É a parte aportada polas beneficiarias a que se gasta primeiro nas compras nos comercios e empresas amesás. Por esta razón, non se devolverá o importe dos bonos unha vez rematada a campaña. Os saldos das tarxetas poderán consultarse na páxina web www.damemisaldo.com.

1.842 operacións por valor de 45.432 euros
Do 1 ao 17 de marzo xa se realizaron un total de 1.842 operacións nos establecementos adheridos o que xerou un volume de negocio de 45.432 euros. O saldo restante nas tarxetas ascende a 82.118 euros.

Separado por sectores: no comercio minorista realizáronse 749 operacións por valor de 26.524,90 euros; en restaurantes houbo 515 operacións que supuxeron un gasto de 5.941,80 euros; en alimentación realizáronse 425 operacións por valor de 5.351,15 euros; en outras categorías comerciais fixéronse 90 operación que sumaron 5.182,49 euros; en ocio e espectáculos fixéronse 44 operacións por valor de 2.066,27 euros; en xoierías houbo 5 operacións que sumaron 209,39 euros; e en droguería producíronse 14 operación por valor de 156,59 euros.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "La segunda fase del plan Ames Progresa generó este mes un volumen de negocio de 45.432 euros"

El Correo Gallego: "Vuela el 35 por ciento del saldo de las tarjetas bono en apenas dos semanas"

Enfoques: "La primera quincena de Ames Progresa propicia un volumen de negocio de 45.432 euros"

Imaxe da pegatina da campaña de tarxetas bono Ames Progresa

Multimedia

  • Foto dun dos establecementos adheridos á campaña
  • Foto do cartel da campaña de tarxetas bono Ames Progresa