Pestanas principais

A Xefa Territorial de Infraestruturas da Consellería Medio Rural acudirá a Ames para organizar a entrega dos títulos da concentración parcelaria de Biduído - Bugallido

Sábado, 30 de xaneiro de 2016

[30-01-2016] Está previsto que o vindeiro mércores, 3 de febreiro, ás 10:00 horas, a Xefa Territorial de Infraestruturas da Consellería Medio Rural acuda a Ames para organizar a entrega dos títulos da concentración parcelaria de Biduído – Bugallido II. Deste xeito, manterá unha xuntanza co goberno municipal co obxectivo de coñecer a previsión existente para facer a devandita entrega de títulos e o lugar onde se realizará. No pleno ordinario deste mes de xaneiro, celebrado este pasado xoves, aprobouse unha moción presentada polo grupo municipal de Pacto por Ames, para instar á Consellería de Medio Rural a acelerar o proceso de entrega destes títulos.

Segundo explica o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, “a concentración parcelaria de Biduído e Bugallido II, que comprende arredor de 3.000 fincas e 1.200 propietarios, comezou o pasado 5 de setembro do ano 1991. Hai máis de 25 anos. Paradoxicamente a Xunta de Galicia declarou a mesma de urxente execución. Esta concentración afecta a distintas zonas de monte de Biduído, Bugallido e do Milladoiro”.

Blas Garcia destaca que “este goberno xa no verán púxose en contacto coa rexistradora de Negreira para saber cal era o problema no atraso da entrega de títulos. A notaría informounos que o problema viña pola incompatibilidade de inscribir 83 propiedades dun total de máis de 3.000 fincas. Durante esta semana dende o Concello puxémonos en contacto coa Xefatura Territorial do Medio Rural, onde nos informaron que durante o mes de febreiro tiñan previsto entregar os títulos da concentración parcelaria”.

A lei aplicable a esta concentración, unha vez é firme o acordo de concentración, fixa que a Administración autonómica remite a acta de reorganización da propiedade, xunto cos títulos individuais, ao notario que corresponde para que o protocolice. De seguido, remítese ao rexistro da propiedade, que os inscribe e devolve á Xunta para que sexa esta administración a que faga a entrega dos títulos. Neste caso a acta de reorganización da propiedade protocolízase o pasado 26 de novembro de 2014 e remítense ao Rexistro da propiedade.

A razón da imposibilidade da inscrición destas propiedades viña porque cando se iniciou o proceso no ano 1991 esas parcelas estaban cualificadas como solo rústico, pero coa aprobación do PXOM no ano 2002 esas propiedades pasaron a ser urbanizables. Esta situación foi informada dende a Xunta Local de Compensación.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos apunta que “debido a iso “o normal sería que se retirasen esas propiedades. Debido á existencia nunha contradición nos títulos que había que rexistrar, dende o Rexistro remítense á Xunta os 83 títulos que non se poden inscribir por cambiar a cualificación do solo no PXOM”.