Pestanas principais

Xaneiro foi un mes cargado de eventos para a Escola Municipal de Música de Ames

Mércores, 01 de febreiro de 2012

[01-02-2012] O mes de xaneiro estivo cargado de eventos para a escola municipal de música de Ames seguindo así unha liña de actuación na que a escola participa activamente na vida cultural do concello. O balance dos eventos neste primeiro mes do ano é moi positivo e as actuacións dos alumnos da EMMA resultaron un éxito. O Edificio de Usos Múltiples de Aldea Nova acolleu o venres día 20 de xaneiro un recital de mozos pianistas. Outro dos actos que se levou a cabo durante este mes foi un concerto no Hospital Clínico de Santiago, onde os rapaces que están ingresados recibiron a visita de alumnos da escola de música o día 26 de xaneiro. O próximo concerto da Escola Municipal de Música será o 17 de febreiro na Casa da Cultura do Milladoiro ás 19.30, no festival de entroido no que participará unha ampla representación do alumnado da escola.


O venres día 20 de xaneiro o Multiusos de Aldea Nova acolleu un recital de piano de varios alumnos da EMMA. Os asistentes puideron gozar de dúas cancións e un baile levado a cabo polos nenos e nenas de música e movemento. A continuación os pianistas máis novos da escola ofreceron un amplo repertorio de obras que ían dende a sonata de Mozart ata diversos blues pasando por pezas tradicionais coma "A donna é mobile". O recital resultou un éxito, xa que tivo unha gran afluencia de público.

Outras das actividades que levou a cabo a EMMA foi un concerto no Hospital Clínico de Santiago de Compostela o xoves, 26 de xaneiro. Esta actividade faise dende hai anos e con ela preténdese que os nenos e nenas que están ingresados pasen unha tarde distinta, entretidos e gozando con música, cancións e xogos. O motivo polo que a Escola de Música repite esta actividade cada ano é porque paga a pena ver como sorrín os nenos que teñen que estar no hospital por sufrir algún problema de saúde. Os nenos e nenas puideron gozar con temas coma "Tamatayeye" con percusión corporal, a famosa "El arca de Noé" do grupo Cantajuegos ou "El jorobado de Notre Dame" coa súa melodía envolvente interpretada polos saxofóns. Neste concerto tan especial participaron alumnos de saxofón, violín, guitarra, piano e canto.

A última actividade deste mes celebrouse o 30 de xaneiro no multiusos de Aldeanova e consistiu nun recital de guitarristas no que participaron uns 20 alumnos da escola interpretando temas de diversos estilos musicais.

O próximo concerto da Escola Municipal de Música será o 17 de febreiro na casa da cultura do Milladoiro ás 19.30, no festival de entroido no que participará unha ampla representación do alumnado da escola.