Pestanas principais

Xacobo de Toro, Aquel-e, Aaron Vilariño, MJ Pérez, Blanca e Tinta, Siradella Films, A Rabela e Flow de Toxo son os/as gañador@s dos III Premios Youtubeir@s

Mércores, 04 de decembro de 2019

O pasado venres, 29 de novembro, realizouse a entrega de premios do proxecto Youtubeir@s no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Patricia de Lorenzo, o DJ Manu TF e a graffiteira Iria Fafián animaron a gala dos Premios Youtubeir@s, na que houbo 27 finalistas. Nesta terceira edición concorreron 252 vídeos e canles participantes. Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

A terceira edición dos Premios Youtubeir@s xa teñen gañadoras e gañadores. O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu o pasado venres a súa gala de entrega, conducida pola actriz Patricia de Lorenzo, coa animación musical do DJ Manu TF e a intervención artística de Iria Fafián. Na entrega de galardóns, en representación do Concello de Ames, estivo a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e o persoal do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras e Berta Souto.

O leitmotiv desta gala xirou arredor da idea de construír unha comunidade cada vez máis ampla, diversa e consolidada de creadores e creadoras dixitais galegas, seguindo o lema desta convocatoria “Conéctate á comunidade e multiplícate”. O acervo creativo do Youtube demostra que a nosa lingua, así como a súa relación coas novas canles de comunicación, é un elemento vivo que está en constante construción, evolución e transformación.

En total, repartíronse 6.500 euros nas nove categorías en que se dividen estes galardóns que, organizados polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña, procuran a promoción e visibilización de vídeos e titorías na nosa lingua na rede, así como recoñecemento daqueles de maior calidade e creatividade.

Gañador@s dos III Premios Youtubeir@s
No apartado de Vídeo-Facermos, o vídeo gañador foi “O radón: malos modais para un gas nobre”, de Aarón Vilariño. Na categoría de Vídeo-Opinarmos, o galardón recaeu no vídeo “Como se forma un cantil. O exemplo de Santa Mariña de Augas Santas (Praia das Catedrais)”, de Xacobo de Toro Cacharrón.

O galardón de mellor Vídeo-Cantarmos, a principal novidade deste ano, foi para o vídeo “O queimaserebros”, de Blanca e Tinta. O premio de mellor canle foi para “Aquel-e”, mentres que o premio á creatividade á “Canle: Cativos na Cociña”, de Siradella Films.
 
Por outra banda, o galardón á eficiencia comunicativa levouno “Rosalía Ft. Rosalía-Malaxente (MJ Cover)”, de MJ Pérez. O vídeo “Os Novos- Quero Fugir”, de Aaron Vilariño acadou o premio á calidade técnica. O premio á calidade lingüística foi para “21 días improvisando”, de A Rabela. Por último, o galardón de proposta youtubeira recoñeceu a “Flow de Toxo”. Tamén @s youtubeir@s finalistas levaron unha medalla e un diploma como recoñecemento polo seu traballo e calidade.

252 inscricións e canles e 6.500 euros en premios
Nesta terceira convocatoria rexistráronse un total de 252 inscricións, entre vídeos e canles participantes, o cal se traduce en que en máis de 1.000 minutos creados en galego e incorporados ao de Youtube este último ano. Ademais, constátase un aumento na participación, que pasou das 202 inscricións de 2017, ano en que se celebraron os primeiros Premios Youtubeir@s, ás 252 desta edición. No apartado de vídeo-opinarmos rexistráronse un total de 129 vídeos participantes, mentres que á categoría vídeo-facermos aspiraron 89 vídeos, á de canles optaron un total de 32 e na nova categoría deste ano de vídeo-cantarmos competiron 30 vídeos.

Os galardóns foron entregados polo xurado (Johana Paradelo, Brais Nogueira, Nel Vidal, Tomás Lijó e Inés Salvado) e por representantes das institucións organizadoras do Proxecto Youtubeir@s. Premendo nesta ligazón podes ver a Gala de Entrega dos #premiosyoutubeiras2019 completa.

Imaxe da gala da terceira edición dos Premios Youtubeir@s

Multimedia

  • Imaxe da gala da terceira edición dos Premios Youtubeir@s
  • Imaxe da gala da terceira edición dos Premios Youtubeir@s
  • Imaxe da gala da terceira edición dos Premios Youtubeir@s
  • Imaxe da gala da terceira edición dos Premios Youtubeir@s
  • Imaxe da gala da terceira edición dos Premios Youtubeir@s
  • Imaxe da gala da terceira edición dos Premios Youtubeir@s