[09-07-2016] O Concello de Ames, a través da concellaría de Cultura, organizou, un obradoiro de canto e percusión tradicional e un concerto das Maianas acompañadas por Xabier Díaz. O venres, 15 de xullo, será un día cheo de melodías galegas, comezando por clases de pandeireta, pandeiro e pandeira co propio Xabier Díaz no local social de Agrón, para despois desprazarse ata a Ponte Maceira, para gozar da segunda xornada do programa de “Noites en Vela”. A inscrición pódese tramitar chamando aos números de teléfono 690 195 217 / 981 535 940.
O nome de Xabier Díaz é ben coñecido no ámbito da música galega, polas súas facetas de músico, compositor ou investigador. Foi cantante da compañía Nova Galega de Danza, do grupo Berrogüetto e participou no proxecto aCadaCanto. Máis recentemente, o pasado ano, gravou o disco The Tambourine Man xunto coas Adufeiras de Salitre. O músico impartirá un obradoiro práctica de percusión e canto tradicional galego. Nel revisaranse e explicaranse distintos toques da pandeireta, o pandeiro ou a pandeira. As persoas participantes deberán levar, como mínimo, unha pandeireta.
O obradoiro dividirase en dúas partes: a primeira terá lugar entre as 11:30 e as 13:00 horas. Farase entón unha pausa para o xantar. As persoas que así o desexen poderán ademais inscribirse na comida que se servirá na Casa Gasamáns. Ás 15:30 retomarase o obradoiro, para rematar ás 17:00 horas. Pola noite, na Ponte Maceira, o propio Xabier Díaz acompañará ás Maianas, agrupación de pandereteiras do propio concello de Ames, nun concerto que comezará ás 22:00 horas, e que se enmarca dentro do programa de “Noites en Vela”.
O prezo do obradoiro é de 20 euros. Para as persoas que participen no xantar colectivo en Casa Gamasáns o prezo será de 33 euros. O concerto na Ponte Maceira, como toda a programación pertencente ás “Noites en vela”, é gratuíto. Para realizar a inscrición ou solicitar máis información pódese chamar aos números de teléfono 690.195.271 / 981.535.940 ou enviar un correo electrónico aos enderezos inesportela@madapro.es - cultura.milladoiro@concellodeames.gal.




