[16-07-2016] Os departamentos de Cultura dos Concello de Ames e de Negreira, en colaboración coa Deputación da Coruña, organizaron un programa de concertos denominado “Noites en vela” na Ponte Maceira, que comezaron no mes de xuño e rematarán no vindeiro mes de agosto. A segunda xornada deste programa cultural, que tivo lugar esta pasada noite, estivo amenizada polo músico Xabier Díaz e polo grupo amesán de pandereteiras As Maíanas. As “Noites en Vela” rematan o venres, 19 de agosto, ás 22:00 horas, cunha actuación de música clásica a cargo do Cuarteto Tetpamop.
A segunda xornada de Noites en Vela na Ponte Maceira comezou cun concerto a cargo do grupo amesán As Maíanas. Estas rapazas, que comezaron no obradoiro de baile e música tradicional do Concello de Ames, ofreceron preto dunha hora de música na que interpretaron os seus temas máis coñecidos e aqueles outros que o público coñece menos. Algúns destes temas recibiron varios premios, entre eles o premio do xurado do concurso da Radio Galega Vas sacar nota? en 2012 e o concurso Novos Valores promovido polo Festigal, no ano 2015. Actualmente están traballando na gravación doutro álbum.
De seguido, saíu ao escenario, Xabier Díaz que ofreceu un concerto en solitario acompañado por instrumentos de percusión como a pandeireta, o adufe e a pandeira. O músico confesou que esta foi unha actuación moi especial para el por dous motivos. O primeiro porque hai uns anos estivo en Agrón realizando gravacións e aprendendo das tocadoras da zona. O segundo porque na ponte vella da Ponte Maceira gravou o primeiro vídeoclip do seu último traballo, coa canción Cantiga da Montaña.
O concelleiro de Educación e Cultura de Ames, David Santomil, explica que “as Noites en vela na Ponte Maceira é un iniciativa que se puxo en marcha a finais de agosto de 2015 e, que debido a boa resposta que tivo por parte da veciñanza, se volve a repetir este ano cun cartel de actuacións máis ambicioso”.
A través deste evento musical trátase de valorizar o entorno da Ponte Maceira. Durante os concertos apágase o alumeado público e acéndense centos de pequenas velas que se lle dan un encanto especial a este lugar que xa conta cunha beleza singular. O lugar no que se ofrecen os concertos é o entorno da Ponte Vella, a ponte romana que divide os concellos de Ames e Negreira.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Xabier Díaz e As Maíanas protagonizaron a segunda xornada de Noites en Vela"




