- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, vén de poñer á venda as entradas para todos os espectáculos que conforman a programación do Ames Cultural para este primeiro semestre do ano 2026. Estas entradas poderán ser retiradas xa mesmo a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames ou na billeteira física das casas da cultura de Bertamiráns e O Milladoiro no propio día de cada espectáculo ata unha hora antes de comezar.
Logo de rematar o prazo para adquirir os bonos culturais, o Concello pon á venda estas entradas dende os 2,5 euros e que terán unha redución do 50% do seu importe para estudantes con carné, persoas maiores de 60 e menores de 12 anos, familias numerosas, persoas que posúan o carné xove e persoas demandantes de emprego.
Dende xa mesmo poderán adquirirse na Billeteira electrónica os billetes para todos os espectáculos que conforman a programación do Ames Cultural para este primeiro semestre do 2026, que comeza este mes coa representación da obra As Gardiás, de Teatro de Ningures, o próximo día 21 na Casa da Cultura de Bertamiráns, e que durará ata o vindeiro 9 de maio coa dobre representación de ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao), do Grupo Chévere, e a cal forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.
As entradas tamén poderán ser retiradas de maneira presencial o propio día de cada espectáculo no lugar de representación, xa sexa a Casa da Cultura de Bertamiráns ou a Casa da Cultura do Milladoiro. As billeteiras físicas estarán abertas no mesmo día de cada representación ata unha hora antes de cada espectáculo ou ben ata completar aforo.
Novas relacionadas
Xornal de Compostela: "O Concello de Ames pon á venda as entradas do Ames Cultural para o primeiro semestre de 2026"





