[18-03-2019] A Federación Galega de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA Plena Inclusión Galicia) xa ten programadas as datas para 2019 nas que se realizarán as 15 estancias en instalacións comunitarias organizadas ao abeiro do programa de Respiro Familiar. Esta iniciativa busca aliviar as sobrecargas das familias con membros que contan con algún tipo de discapacidade intelectual ou problemas de comportamento. Para participar nalgunha das estancias organizadas por FADEMGA é necesario enviar a documentación que se require ao enderezo electrónico fademga@fademga.org.
O Programa de Respiro Familiar, impulsado por FADEMGA, consiste nunha serie de saídas mediante as que as persoas con algún tipo de discapacidade intelectual ou do desenvolvemento poden gozar duns días de estancia e tratamento termal en centros dotados dos recursos necesarios, tanto materiais como persoais, para a atención das súas necesidades. Así, o obxectivo desta iniciativa non só é ofrecerlle a estas persoas uns días de relaxación e descanso, senón tamén proporcionarlles ás e aos familiares varios días de repouso e tempo para si mesmos.
Desta maneira, entre os múltiplos beneficios deste programa, favorece a normalización de dinámicas familiares e de parella, así como a inclusión destas persoas e facilita a permanencia no entorno familiar da persoa con discapacidade intelectual, dando unha alternativa a outros programas de maior custe económico e social.
Para cumprir estes obxectivos, organizáronse un total de quince saídas deste tipo ao longo do exercicio 2019. Cinco delas realizaranse durante o primeiro semestre do ano, mentres que as dez restantes levaranse a cabo na última metade de ano. As dúas primeiras saídas comezaron o 1 de marzo en Alvarella, preto de Pontedeume; e o 15 en Los Abetos, situado en Santiago, para as que se sacaron dez prazas por estancia.
Trece estancias nos seguintes nove meses
No mes de abril, realizarase unha entre os días 17 e 21 no Hotel Troncoso de Sanxenxo, para a que se sacaron 22 prazas; e outra entre o 27 de abril e o 1 de maio, neste caso en O Cabazo de Ribadeo, na que poderán participar 10 persoas.
Xa en maio, do 16 ao 19, A Queimada de Nigrán acollerá unha nova estancia destinada a 10 persoas, e tamén será a localización doutra que terá lugar entre os días 10 e 14 de xullo, para a que se sacarán un total de 15 prazas. Tamén en xullo, realizarase unha estancia no Alvarella do 24 ao 28, mentres que o Hotel Castro de Cuntis é o elixido para as que terán lugar entre o 15 e o 19 de xullo, do 31 ao 4 de agosto, do 5 ao 9 de agosto, e do 21 ao 25 de agosto.
Non obstante, entremedias tamén se realizará outra estancia de 5 días no Aparthotel Rialta de Culleredo, con entrada o 14 de agosto e saída o día 18. O Alvarella acollerá a última saída do verán, que se producirá do 28 de agosto ao 1 de setembro, e a última do ano, entre o 5 e o 8 de decembro. Entre os meses de outubro e novembro terá lugar outra estancia, nesta ocasión en A Queimada de Nigrán, que comezará o 31 de outubro e finalizará o 3 de novembro.
Para participar en algunha destas estancias programadas é necesario inscribirse cun mínimo de 15 días de antelación á data na que comeza o servizo, a excepción daquelas programadas no verán, para as que a data límite de solicitude será o 31 de maio. Asemade, posto que o número de prazas dispoñibles para cada unha das estancias é limitado, para a súa adxudicación o equipo de FADEMGA realiza unha baremación das circunstancias económicas, persoais e familiares da persoa solicitante. Para obter máis información deste servizo ou acceder aos documentos necesarios para realizar a inscrición pódese consultar a páxina de FADEMGA ou chamar ao número de teléfono 981 51 96 50.




