Pestanas principais

Xa se poden solicitar as axudas destinadas ás familias numerosas do Concello de Ames

Martes, 12 de xuño de 2012

[12-06-2012] O Boletín Oficial da Provincia (BOP) acaba de publicar a convocatoria das axudas ás familias numerosas, polo que, aquelas familias que cumpran os requisitos e estean interesadas nestas axudas deberán presentar a súa solicitude ata o vindeiro 9 de xullo. A contía total destinada a estas axudas é de 120.000 euros e as familias que obteñan a axuda recibirán entre 900 e 1.100 euros por unidade familiar, dependendo do número de fillos que figuren no título de familia numerosa. Con este tipo de iniciativas, o Concello de Ames pretende axudar en tempos de dificultade aquelas familias que máis dificultades teñen para a crianza dos fillos, máis en tempos de crise. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o bando da convocatoria de axudas por familia numerosa.

O obxectivo destas axudas é proporcionarlles apoio económico a aquelas familias cualificadas como numerosas pola Consellería de Traballo e do Benestar da Xunta de Galicia, ou organismos análogos doutras comunidades autónomas.

A convocatoria de axudas para familias numerosas conta cunha dotación total de 120.000 euros, dos que as familias que obteñan a axuda recibirán entre 900 e 1.100 euros por unidade familiar. Dado que a publicación da convocatoria foi o día 8 de xuño, os interesados nestas axudas teñen de prazo para a presentación das súas solicitudes ata o 9 de xullo de 2012.

Os beneficiarios destas axudas serán aquelas familias numerosas que teñan a súa residencia habitual no municipio de Ames. Os interesados e interesadas poderán informarse dos requisitos e dos pasos a seguir nas oficinas de Servizos Sociais do Concello de Ames.

Documentación requirida

As solicitudes e a documentación requirida poderán recollerse nas oficinas municipais de Servizos Sociais en Bertamiráns (Centro Socio-Cultural da Xuventude e Terceira Idade, sito na Praza Chavián sen número) e no Milladoiro nas oficinas de Servizos Sociais sitas na Rúa de Abaixo número 10.

A entrega das solicitudes e da documentación requirida presentarase no Rexistro Xeral na Casa do Concello en Bertamiráns ou no Rexistro existente na oficina municipal do Milladoiro que se atopa na Rúa de Abaixo número 10. O concello ten cun período de 6 meses, contando a data de entrada das solicitudes no Rexistro, para a súa resolución.