[05-10-2013] A aula de informática do Milladoiro xa ten pechada a programación de cursos formativos que ofrecerá durante o último trimestre deste ano. No mes de outubro impartiranse unhas xornadas de iniciación á Internet, que están dirixidas ás persoas maiores de 18 anos sen coñecementos de informática. Para o mes de novembro está previsto que se desenvolva un obradoiro de mecanografía, que tamén está dirixido ás persoas maiores de 18 anos. Por último, en decembro impartirase un obradoiro de actividades de Nadal dirixidas aos nenos e nenas de Ames. Estes tres cursos son gratuítos. Ademais, cómpre lembrar que o novo horario de Aula Aberta é de 16:00 h a 20:00 horas, de luns a xoves, e de 9:30 h a 13:30 horas, os venres.
A Aula de informática do Milladoiro xa ten preparada a programación para os meses de outubro, novembro e decembro. Durante o mes de outubro desenvolveranse unhas xornadas de iniciación á Internet. Esta actividade está dirixida a persoas maiores de 18 anos sen coñecementos de informática. A actividade, que se desenvolverá entre o 21 e o 24 de outubro, ofrecerase en dúas quendas: en horario de 10:00 a 11:30 horas e de 18:00 a 19:30 da tarde. En total, terá unha duración de 6 horas. Trátase dun curso gratuíto no que se ofertan 10 prazas para cada unha das quendas.
No mes de novembro, a aula acollerá un obradoiro de mecanografía destinado a persoas maiores de 18 anos. Esta actividade desenvolverase os días 18, 19, 20, 21 e 25 de novembro. Ao igual que no caso anterior haberá dúas quendas, unha de mañá que se desenvolverá en horario de 10:00 a 11:00 horas, e outra de tarde, en horario de 19:00 a 20:00 horas. Este curso tamén é gratuíto e ten unha duración de 5 horas. Hai 10 prazas dispoñibles por quenda.
En decembro, impartirase un obradoiro gratuíto de actividades de Nadal dirixidas aos nenos e nenas de Ames. Esta actividade, que terá lugar os días 10, 11, 12, 17 e 18 de decembro, está destinada a rapaces e rapazas de 8 a 11 anos que estean interesados/as en aprender a manexar un programa de elaboración de diapositivas. O curso impartirase en horario de 18:00 a 19:00 horas e conta con 10 prazas dispoñibles.
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nestas actividades. Para optar a unha das prazas é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames. Así mesmo, as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Terán prioridade as persoas que non realizaron esas mesmas actividades en trimestres anteriores. Para inscribirte nestes cursos ou resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org.
Novo horario de Aula Aberta
Cómpre lembrar que o Concello de Ames decidiu establecer un novo horario de apertura do servizo de Aula Aberta, que se ofrece na aula de informática do Milladoiro, co obxectivo de ampliar o acceso a este servizo de toda a veciñanza amiense. Deste xeito, abrirá catro días a semana en horario de tarde e un día pola mañá. Os veciños e veciñas que non poidan acudir en horario de tarde terán a posibilidade de facelo o venres pola mañá. O novo horario para o curso 2013-2014 será de luns a xoves, de 16:00 h a 20:00 horas, e os venres de 9:30 h a 13:30 horas.