Pestanas principais

Xa se pode oír Ames Radio no Milladoiro

Sábado, 19 de decembro de 2015

[19-12-2015] Nos últimos días a empresa GST Telecomunicacións estivo realizando diversos traballos para mellorar a cobertura da radio municipal “Ames Radio”. Deste xeito, montouse un radio enlace na urbanización de Aldea Nova e unha antena na Casa da Cultura do Milladoiro para ampliar a sinal de emisión no Milladoiro. A través destas melloras a radio municipal dispón dunha cobertura do 99% nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. Proximamente o goberno municipal disporá dun mapa de cobertura de Ames Radio para coñecer o alcance da sinal de emisión en todo o municipio.


A concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, explica que “cando chegamos ao goberno o sinal de Ames Radio chegaba cunha intensidade moi baixa á maior parte do Milladoiro, co cal ou que se escoitaba con interferencias ou directamente non se escoitaba. Coas melloras feitas nos últimos días a veciñanza do Milladoiro xa pode escoitar a programación de Ames Radio cunha boa calidade de son. O mesmo ocorre en Bertamiráns que dispón dunha cobertura practicamente do 100%”.

A empresa GST Telecomunicacións instalou un novo radio enlace nos estudos de Ames Radio para conectar cun radio enlace que se instalou na urbanización de Aldea Nova, que envía o sinal a unha nova antena que se montou na Casa da Cultura do Milladoiro, que amplifica o sinal de emisión da radio municipal para que se poida escoitar en todo O Milladoiro, onde se ampliou ata o 99% a cobertura da radio municipal.

Proximamente o goberno municipal disporá dun mapa de cobertura de Ames Radio para coñecer o alcance da sinal de emisión en todo o municipio. Isabel Vaquero indica que “o obxectivo do goberno municipal é que toda a veciñanza amesá poida escoitar a radio municipal con boa calidade de son e para iso é preciso coñecer os lugares nos que a cobertura é máis baixa. Cando teñamos o mapa de cobertura poderemos actuar naquelas parroquias nas que o sinal de emisión é máis baixo”.

Ames Radio ten unha programación deseñada pensando na prestación dun servizo público. A súa grella componse con espazos adicados á información, á música, ao entretemento e á cultura nos que os temas da vida cotiá se tratan dunha forma participativa e próxima aos veciños.

Arredor das 9:00 horas emítese o espazo Ames matinal, no que se repasan as principais novas de Ames. De 12:00 a 13:30 horas realízase o Magacín Somos Ames, un programa de entretemento que conta con contidos variados e orientados en moitos casos ao servizo público.

Por último, de 14:30 a 14:40 horas emítese o Informativo de mediodía no que dá conta das principais novas de Ames. O resto do día hai programación musical. A intención do goberno municipal, logo de garantir a cobertura da radio en todo o Concello, é pular por unha programación que poida acoller a iniciativa de veciñas e veciños interesados en colaborar.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"La radio local de Ames ya se puede escuchar en Milladoiro"