Pestanas principais

Xa se coñecen os premiados no primeiro certame de carteis Ames, Brión, Negreira-Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas

Luns, 18 de xuño de 2012

[18-06-2012] O xurado do I Certame de carteis Ames, Brión,Negreira-Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas acaba de facer pública a relación de gañadores/as. Os premios, dotados cun trofeo e un vale por importe de 50 euros cambiable por material escolar, foron parar a dous alumnos de Ames e Negreira. O concurso quedou deserto en Brión, onde non se presentaron traballos. En total, presentáronse ao certame un total de 95 traballos. Os galardóns entregaranse o vindeiro 26 de xuño, Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas, no Feirón Saudable que se organizará no Concello de Brión. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás coñecer os gañadores/as deste concurso.


Unha das premiadas foi Nerea Montes Pérez, de 15 anos e que cursa terceiro da ESO no IES de Ames. O seu cartel leva como lema Drogas, que non te controlen. O outro galardón recaeu en Uxía Pérez Ponte, unha alumna de primeiro da ESO do IES Xulián de Magariños de Negreira. A rapaza, de 13 anos de idade, presentou un cartel co lema Saír é difícil, non entres.

Os premios entregaranse o vindeiro 26 de xuño, Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas, no Feirón Saudable que se organizará no Concello de Brión. O Feirón Saudable irase realizando cada ano nun dos tres concellos.

O xurado deste certame, composto por María José Vázquez Bermúdez, do Concello de Ames; Armando Patiño Nimo, de Brión; María Azucena Antelo García, de Negreira, e coa psicóloga técnica do Servizo de Prevención de Drogodependencias, Sagrario Ferreira Pernas, como secretaria tivo que elixir entre un total de 95 traballos. Máis concretamente, 51 obras foron presentadas no IES de Ames, mentres que as 44 restantes corresponden ao IES Xulián Magariños de Negreira. O xurado destacou a gran calidade dos traballos presentados polos alumnos e alumnas.

Con motivo da conmemoración do Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas, o 26 de xuño de 2012, o Servizo de Prevención de Drogodependencias dos Concellos de Ames, Brión e Negreira, convocou o I Certame de carteis co obxectivo de sensibilizar a poboación sobre o problema mundial da droga. Segundo se destaca dende a Concellería de Sanidade, o certame estivo dirixido aos 1.260 alumnos de educación secundaria e bacharelato dos tres institutos dos concellos que integran este programa, dos cales, durante o actual curso escolar 2011-12, traballouse con 913 alumnos. O prazo de entrega dos traballos rematou o día 4 de xuño.

O día 26 de xuño foi establecido pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas coma o Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas. O Secretario Xeral de Nacións Unidas, Ban Ki-moon, manifestou que “o uso de drogas é, fundamentalmente, un problema de saúde. A farmacodependencia é unha enfermidade, non un delito, os verdadeiros delincuentes son os traficantes de drogas”.

Reflexión sobre o traballo de prevención

Dende o Servizo de Prevención das Drogodependencias manifestan que “despois do traballo de prevención realizado nos tres institutos (IES de Ames, IES Brión e IES Xulián Magariños de Negreira) no que se abordou a problemática no seu sentido máis amplo, sempre co obxectivo final de promover a saúde e o benestar da persoa e da sociedade evitando a situación de dependencia, pretendemos que os escolares reflexionen sobre o traballo de prevención realizado durante o curso escolar e que isto quede reflectido nunha creación que será difundida dentro da campaña conmemorativa do Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas nos Concellos de Ames, Brión e Negreira".

Por último cómpre destacar que os gobernos teñen a responsabilidade de contrarrestar o tráfico o uso indebido de drogas, pero as comunidades tamén poden facer unha contribución importante. As familias, as escolas, a sociedade civil, as empresas, os medios de comunicación e outras organizacións poden implicarse para concienciar sobre os perigos, implicarse para que se cumpran as normativas vixentes e librar de drogas a súa comunidade.

¡Invitámosvos a tod@s a conmemorar o 26 de xuño!. É unha ocasión única de tomar acción contra un problema que nos afecta a tod@s. Contamos contigo no Feirón Saudable que este ano se organizará con tal motivo en Brión.