[15-11-2013] Este venres, 15 de novembro, o salón de plenos da Casa do Concello acolleu o sorteo dos números premiados na campaña de dinamización do comercio local "Este outono caen premios". Os números premiados son 07721, 05439 e 08149. Ademais, sacáronse dous números suplentes por cada premio por se os portadores dos números premiados non aparecesen. Sorteáronse tres vales de compra por valor de 500 euros cada un, que poderán ser consumidos en calquera dos establecementos participantes na campaña. Nesta iniciativa, que se desenvolveu entre o 1 e o 31 de outubro, participaron máis de 70 establecementos pertencentes as catro asociacións comerciais que existen no concello neste momento. No sorteo estiveron presentes o concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Bernardo Moar, e un representante de cada unha das asociacións comerciais de Ames. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o cartel cos números premiados e as bases desta campaña comercial.

Un total de 15.000 números entraron esta mañá no sorteo da campaña comercial 'Este Outono caen premios'. Nesta iniciativa participaron máis de 70 establecementos pertencentes a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), a Asociación de Empresarios e Profesionais do Milladoiro (AEMI), a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulevar e a Asociación Empresarial Polígono Novo Milladoiro.
O sorteo estivo presidido polo concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Bernardo Moar. Ademais, estivo un representante de cada unha das catro asociacións comerciais que existen na actualidade no concello de Ames. Neste acto sorteáronse tres vales de compra por valor de 500 euros cada un. Polo tanto, os 3 números premiados son 07721, 05439 e 08149.
Ademais, sacáronse dous números suplentes por cada premio por se os portadores dos números premiados non aparecesen. Deste xeito, os números correspondentes ao primeiro suplente de cada premio son 12291, 12008 e 09594, mentres que os números dos segundos suplentes son 09451, 14448 e 00506. Os números premiados e os suplentes tamén serán publicados nos comercios adheridos a esta campaña comercial.
A través desta iniciativa pretendeuse dinamizar o sector comercial amiense e que a veciñanza acudise aos comercios locais para realizar as súas compras. O concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Bernardo Moar, destacou que “o obxectivo desta campaña era incentivar as compras no comercio local e crear dinámicas de colaboración e traballo conxunto entre as catro asociacións comerciais existentes na actualidade no termo municipal de Ames”.
1.500 euros en premios
As persoas agraciadas dispoñerán dun prazo de 10 días naturais para recoller os seus respectivos vales de compra na Casa do Concello (departamento de Comercio e Promoción Económica), de luns a venres en horario de 09:00 h a 14:00 horas. Se transcorridos os 10 días de prazo non aparece gañador ou gañadora, anularase ese número e pasarase ao primeiro número suplente. No caso de que tampouco ninguén reclame o premio pasaríase ao segundo número suplente.
Os vales de compra teñen un valor de 500 euros cada un, e terán que ser consumidos en calquera dos establecementos participantes na campaña. As compras deberán ser realizadas sempre polos titulares dos vales, que dispoñerán do prazo dun mes a partir da data de entrega. As persoas agraciadas deberán gastar os 500 euros de compra nun mínimo de 5 establecementos diferentes, sen que quede establecida unha contía mínima para cada compra realizada.
Para calquera aclaración ou consulta sobre o desenvolvemento desta campaña, poden poñerse en contacto co persoal da Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo no teléfono 981 883 002 ou no correo electrónico guiadecompras@concellodeames.org.




