Pestanas principais

Xa se coñecen os gañadores/as do V Certame Artístico-literario Intercentros do Concello de Ames

Mércores, 08 de maio de 2013

[08-05-2013] "A historia da orixe do galego", "Xuntos", "A Viaxe ao Futuro", "Ímonos a Brasil", "O lapis máxico" e "As aventuras das xemelgas" son os títulos dos traballos premiados no V Certame Artístico-literario Intercentros do Concello de Ames, un concurso dirixido aos alumnos e alumnas do segundo e terceiro ciclo de educación primaria que estudan nos centros de ensino do Concello de Ames. A través desta actividade preténdese valorizar e fomentar o uso da nosa lingua entre o alumnado amiense. Nesta edición, a temática dos traballos xirou arredor das vantaxes ou oportunidades que nos achega a lingua galega. Os premios entregaranse o día, 16 de maio, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

Un ano máis, o Concello de Ames puxo en marcha o Certame Artístico-literario Intercentros, que chega así a súa quinta edición. Este certame está dirixido aos alumnos e alumnas do segundo e terceiro ciclo de educación primaria dos centros de ensino do Concello de Ames. Nesta edición, a temática xirou arredor das vantaxes ou oportunidades que nos achega a lingua galega.

Os premios na primeira categoría, na que participaron os rapaces e rapazas de terceiro e cuarto de primaria, foron para Manuel Mosquera Dapena, do CEIP A Maía, que obtivo o primeiro premio pola obra "A historia da orixe do galego". O segundo galardón recaeu nas mans de Nerea Sánchez Lens coa peza "Xuntos" do CEIP Agro do Muíño e o terceiro premio foi para Lara Piñeiro Blanco e Emma Soliño Martínez, tamén do CEIP Agro do Muíño, que escribiron unha historia que leva por título "A Viaxe ao Futuro".

Na segunda categoría, na que participaron rapaces e rapazas de quinto e sexto de primaria, o primeiro premio foi para a obra "Ímonos a Brasil" de Iría Ces Gutiérrez e Cristina Boo Sanz, alumnas do CEIP Agro do Muíño. O segundo posto acadárono Inés Vieiro Fernández e Eva Santamaría Criado do CEIP A Maía por un traballo que leva por título "O lapis máxico" e o terceiro premio conseguírono Andrea Botana Carreira e Athais Fernández Cacabelos do CEIP de Barouta, coa obra "As aventuras das xemelgas".

Os alumnos e alumnas de Ames fixeron creacións literarias tanto no eido da poesía como no da narrativa e acompañaron os traballos cunha ilustración propia que entregaron aos seus titores. As bases do concurso daban a oportunidade de presentarse individualmente ou en equipo. A primeira selección de traballos correu a cargo dos titores e titoras que decidiron as obras que enviaban ao concello para participar na segunda fase do certame.

Os premios deste V Certame Intercentros son vales para intercambiar por material cultural nas librarías municipais polos seguintes importes: 100 euros para os primeiros premios, 80 euros para os segundos e 50 euros para cada un dos terceiros premios das dúas categorías. O acto de entrega de premios terá lugar o vindeiro xoves, 16 de maio, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro ás 20.00 horas.