Pestanas principais

Xa se coñecen os gañadores dos premios do comercio amiense

Venres, 22 de marzo de 2013

[22-03-2013] A Feira do Comercio Val da Maía rematou o pasado domingo co sorteo dunha estancia nun balneario e 10 vales do Spa Dental Macía. Durante os tres días que durou o evento comercial repartíronse máis de 4.000 papeletas para o sorteo. Ademais, o sábado pasado realizouse no centro comercial Novo Milladoiro, situado nas inmediacións do pavillón do Milladoiro, o sorteo da campaña de fomento do comercio, `Merca en Ames, sairás gañando´, posta en marcha polas catro asociacións de comerciantes. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás descargar a relación de números premiados.


A organización da Feira do Comercio Val da Maía, que se desenvolveu durante a fin de semana pasada no pavillón polideportivo do Milladoiro, organizou un sorteo de agasallos entre as persoas que realizaron algunha compra neste evento comercial. Deste xeito, a feira rematou na noite do domingo co sorteo dunha estancia nun balneario e de 10 vales do Spa Dental Macía. Durante os tres días que durou o evento comercial repartíronse máis de 4.000 papeletas para o sorteo.

Os premios estiveron moi repartidos entre veciños e veciñas de Ames e outras persoas de concellos da contorna coma Vedra, Brión ou Padrón. Os gañadores dos 10 vales do Spa Dental Macía foron persoas que residen no Milladoiro, Bugallido, Brion e Santa Cruz de Ribadulla (Vedra). Por outra banda, unha persoa da Picaraña (Padrón) foi a gañadora dunha estancia no Hotel Talasso Louxo La Toja para dúas noites.

Ademais, o sábado pasado, ás 12:00 horas, tivo lugar no centro comercial Novo Milladoiro, situado nas inmediacións do pavillón do Milladoiro, o sorteo da campaña de fomento do comercio, `Merca en Ames, sairás gañando´, posta en marcha polas catro asociacións de comerciantes. Esta campaña incluíu o sorteo dun coche eléctrico e de nove electrodomésticos (entre os que se atopan unha pantalla de plasma, un aspirador ou un microondas) a través dos boletos de participación que se puideron conseguir ao realizar calquera compra nos establecementos asociados.