Pestanas principais

Xa se coñecen os gañadores do IX Concurso de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!

Venres, 20 de decembro de 2019

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este xoves, 19 de decembro, a gala de entrega dos premios da novena edición do concurso de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!. A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e o concelleiro de Educación, David Santomil, foron os encargados de entregar os premios aos gañadores durante a gala, conducida por Isabel Martínez-Risco e María Ángeles Bañobre, de Ibuprofeno Teatro. Os grupos Sacarina, Sardiñas Armadas e Raíces de Amizade alzáronse como os gañadores desta edición.

A novena edición do Concurso de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua! contou coa participación dun total de 69 alumnos/as de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, repartidos en 21 grupos, 7 do IES do Milladoiro e 14 do IES de Ames, en Bertamiráns. O certame, que é convocado anualmente polo Concello de Ames a través dos departamentos de Normalización Lingüística, Mocidade e Comunicación, pretende fomentar, dunha forma creativa e orixinal, o uso do galego entre a mocidade.

O recoñecemento ao mellor guión orixinal recaeu na obra A terra que fuma do grupo Sardiñas Armadas, do IES de Ames. O xurado valorou a construción dun universo poético e metafórico para tratar un tema de actualidade que está tocando a sensibilidade das rapazas e rapaces máis novos: o cambio climático. A peza denuncia, con ironía e con sentido crítico, a alarmante situación ambiental do planeta e a degradación ecolóxica da nosa contorna. Sardiñas Armadas son Bento Lorenzo Faraldo, Braulio Martínez de Lorenzo, Roi Álvarez Castro e Jairo Barreiro Brea.

O premio á mellor interpretación recaeu na obra Salvamento Canino, do grupo Sacarina do IES do Milladoiro. O xurado valorou o traballo de ensaios que se percibe na fluidez da lectura dos diálogos, a boa prosodia e vocalización e o esforzo por construír os diferentes personaxes da peza empregando con habelencia os diferentes recursos expresivos da voz. O xurado desta edición do concurso amesán de teatro lido estivo conformado polas actrices Isabel Risco e Marián Bañobre e polo dramaturgo e director de teatro Santiago Cortegoso. O grupo Sacarina está composto por Martina Bretaña Míguez, Carla Gato Brea e Sara Iglesias Duro.

O premio do público foi, desta volta, para a obra Asasinos en escena do grupo Raíces de Amizade, do IES de Ames. Os/as integrantes do mesmo foron Marieta Calatayud Ortega, María Freire Buján, Brais Lago Romero e Antón Abalo Santamaría. O Concello de Ames repartiu no total 600 euros entre os gañadores, cunha dotación de 200 euros para cada un dos equipos premiados.

Concurso Radiofónico Teatro Lido

Multimedia

  • Concurso Radiofónico Teatro Lido
  • Concurso Radiofónico Teatro Lido
  • Concurso Radiofónico Teatro Lido
  • Concurso Radiofónico Teatro Lido
  • Concurso Radiofónico Teatro Lido