[13-05-2011] "Fran o Aventureiro", "O mundo das letras", "Mariña e a Torre Eiffel", "Código Galicia", "Galego Universal" e "Contiño" son os títulos dos traballos premiados no III Certame Artístico-literario Intercentros do Concello de Ames, un concurso dirixido aos alumnos e alumnas do segundo e terceiro ciclo de educación primaria que estudan nos colexios do ámbito municipal e co que se pretende valorizar e fomentar o uso da nosa lingua. Este ano os concursantes debían escribir e debuxar a súa historia creando un protagonista viaxeiro que se perdera e que só puidera atoparse grazas á lingua. Os premios entregaranse o Día da Letras Galegas, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.
O Certame Artístico-literario Intercentros do Concello de Ames está dirixido aos alumnos e alumnas do segundo e terceiro ciclo de educación primaria do Concello de Ames. Nesta ocasión, os premios na Primeira Categoría no que participaban rapaces e rapazas de terceiro e cuarto de primaria, foron para Sara Carballo Galloso e Marta Brun García, do CEIP A Maía, que obtiveron o primeiro premio pola obra "Mariña e a Torre Eiffel". O segundo galardón recaeu nas mans de Aba Melide e María Rodríguez coa peza "O mundo das letras" do CEIP Agro do Muíño e o terceiro premio foi para Óscar Feijoo Martínez, do CEIP A Maia que escribiu unha historia que leva por título "Fran, o aventureiro". Na Segunda Categoría, na que participan rapaces e rapazas de quinto e sexto de primaria, o terceiro premio foi para a obra "Código Galicia" de Jorge Domínguez, alumno do CEIP de Ventín. O segundo posto acadouno Clara Balayo González do CEIP Agro do Muíño por un traballo que leva por título "Galego Universal" e o primeiro premio conseguiuno Enrique Touceda Rivas do CEIP de Agro do Muíño, coa obra "Contiño".
"Nesta terceira edición aumentou a participación considerablemente - declara Rosa Moreiras, normalizadora lingüística do Concello- de xeito que chegaron máis de 50 traballos de todos os colexios, e iso despois de pasar a primeira selección dos titores dos centros. Houbo traballos de moita calidade e para adxudicar os premios valoramos tanto a ilustración coma o texto. Todos eles chamaban a atención polo seu valor artístico e literario". Rosa Moreiras formou parte do xurado que valorou os traballos, xunto con María Vázquez, técnica de cultura e Francisco Villaverde, Concelleiro de Cultura.
Os alumnos e alumnas de Ames fixeron creacións literarias tanto no eido da poesía como no da narrativa e acompañaron os traballos cun debuxo propio que entregaron aos seus titores. As bases do concurso daban a oportunidade de presentarse individualmente ou en equipo. A primeira selección correu a cargo dos titores que decidiron as obras que participarían neste certame.
O valor dos premios deste III Certame Intercentros é o seguinte: cen euros para os primeiros premios, oitenta euros para os segundos e cincuenta euros para cada un dos terceiros gañadores das dúas categorías. O acto de entrega de premios terá lugar o vindeiro martes, 17 de maio, coincidindo coa festividade das Letras Galegas, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro as 18.00 horas.




